Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Bambi. Unha vida na fraga' de Felix Salten, traducida por María Seisdedos

Sampedro, Pilar - jueves, 10 de noviembre de 2022
Acabo de ler Bambi. Unha vida na fraga na tradución ao galego de María Alonso Seisdedos. De excelencia, iso me parece: unha tradución excelente. Estou segura de que a versión galega deste clásico, é moito mellor que as traducións a outras 'Bambi. Unha vida na fraga' de Felix Salten, traducida por María Seisdedoslinguas. María Alonso Seisdedos semella gozar coas palabras, buscando as maneiras máis propias de facer o relato dese pequeno corzo que vai chegar a Alteza Real, a patrucio,o macho vello (ou como queiramos chamalo) e acada a prestancia e sabidoría dos anciáns da estirpe.

Todas e todos coñecemos a Bambi a través da película de Walt Disney, unha historia preñada de tenrura que nos fixo chorar e sempre gardamos na maleta das lembranzas, incluso para facer chistes (por aquilo de ser tan brandiño e amigable coma Bambi). Tratábase dunha referencia que compartiamos e que nos traía o mellor da infancia: a sensibilidade e o espertar á vida coa curiosidade por bandeira.

Agora, cando a leo, doume conta de que nesta historia hai moito que debullar, dende as conversas do pequeno caparro coa nai e con todo canto animal vai atopando na fraga e no prado ata o respecto que sente ante os maiores. El é amable con todo o mundo, vai comprendendo os segredos da natureza e describíndoo a El, o gran perigo, o home (a criatura ergueita, co rostro pelado e branco, un ser que arrepía, infunde pánico e terror porque El emana unha violencia monstruosa que paraliza, contemplalo é un suplicio insoportable).

Con Bambi e o resto dos animais da fraga entramos no medo e os instintos, sentimos na propia pel esa necesidade de facer algo sen entender a razón e incluso sabendo que vai contra a razón. Hai un instante que o explica marabillosamente, cando senten o gran perigo e saben que non deben correr e moito menos voar, unha faisán adulta repite: "non voedes, non voedes" mentres a ela se lle escapan as alas e cae abatida. Asistimos á crianza dos pequenos sempre na compañía da nai, a aparición maxestosa dos pais, daqueles que teñen aprendida a lección da soidade ("é que non sabes estar a soas?" preguntoulle o príncipe soberano a Bambi cando o atopou por primeira vez chamando pola nai). Ha de aprender por si mesmo e nós temos que escoitar o diálogo entre as follas antes de desprenderse no outono, esa reflexión sobre a morte que son as mesmas que nos facemos nós: "será verdade que veñen outras ocupar o noso lugar cando nós xa non estamos e logo o mesmo conto por sempre xamais? Por que temos que caer? Que é de nós cando nos desprendemos? Sentirá unha algo, recordará aínda quen é, cando está aí abaixo?" esas preguntas que todos e todas nos facemos e esa sensación que sentimos cando nos imos, esa despedida no medo da conversa, cando unha folla lle di á outra: "Non tembles tanto" e a outra lle contesta: "Alá vou" mentres cae nunha despedida final. As follas din aquilo que nos custaría moito escoitarlles aos humanos e, incluso, aos animais.

Bambi é un compendio de ensinanzas. Sobre a curiosidade das criaturas, o poder do instinto, a aprendizaxe da soidade como máximo chanzo de autonomía, o poderosa que é a terceira man do home (representada pola escopeta), a morte que nos agarda. Fala das crezas, da utopía representada polas palabras da corza nova: "Disque algún día camiñará entre nós e nos imitará na mansedume. Amigarémonos, brincará connosco e na fraga enteira reinará a alegría", referíndose ao El, o máximo inimigo. Recolle o mundo das relacións, por exemplo nesa timidez compartida, pola que o pequeno corzo e o cervo novo non falan cando ambos teñen ganas de comunicarse, ambos admirándose mentres pensan que ao outro non lle ten ningún interese; ese difícil entendemento co "outro".

O trato co home ao que accedemos a través do episodio do corzo débil que queda na neve e é recollido por un home e domesticado; cando volve non sabe como orientarse nin sobrevivir aínda que el cre que si, e ao final é outro home quen o mata cando el pensa que o vai recoñecer; si, o corzo vello dixera "malpocado" cando lle escoitou falar marabillas do home tendo como tiña a marca do colar no pescozo... Ou cando o can persegue ao raposo ferido e de pronto este o acusa de traidor, acoden todos os demais animais a acusalo de esbirro e renegado mentres el se defende, case como fixera o corzo domesticado: "El é dono de todo, todo o que medra e vive é del e ten moitos que o veneran e o serven". Por iso, o vello, o mestre de Bambi, lévao a ver ao home morto para demostrarlle que non é superior a eles, que coma eles coñece o medo, a fame e o sufrimento, que pode ser vencido; daquela Bambi di "creo que hai outro ser por riba de todos nós, por riba de nós e de El" e o patrucio despídese "Daquela, xa podo marchar" porque "o pasamento temos que encaralo todos a soas".

A historia é circular e remata cando Bambi ve a uns pequenos e lles fala como fixera o vello con el. Unha novela potente, que dá moito que pensar, dende a natureza ou a sociedade, iso si, envolta en papeliño de agasallo para crianzas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES