Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aniversario da LISMI

miércoles, 09 de noviembre de 2022
A palabra LISMI posiblemente non signifique nada para a maioría. Para as persoas con diversidade funcional representou un fito histórico. A LISMI (Lei de Integración Social dos Minusválidos) foi un referente como primeira lei que se aproba en España, a iniciativa do Parlamento e non do Goberno, co apoio de todas as forzas políticas.

Hai corenta anos os minusválidos eran un tema tabú. A atención estaba relacionada fundamentalmente coa beneficencia ou co mundo dos inválidos civís e mutilados de guerra. Como mostra, o meu carné de socia de ANIC (Asociación Nacional de Inválidos Civiles), con data 22 de xullo do 1966.
Aniversario da LISMI
De modo resumido e utilizando as mesmas expresións do momento, hoxe non se nos ocorrería poñer a palabra «minusválidos» no seu articulado, vou comentar como naceu. Arredor dos anos 70 aparece o SEREM (Servizo de Recuperación de Minusválidos) sen saber moi ben cal era a súa función, o que motivou «encerros» nas oficinas de A Coruña, Barcelona, Madrid... Por outra banda, a celebración do famoso Minusval 74, baixo o lema «La sociedad y el minusválido, una actitud a cambiar», e con participación activa de Auxilia, reuniu 2300 persoas no Pazo de Congresos de Madrid.

Consecuencia deses acontecementos, as cousas empezan a mudar coa creación dunha Comisión Interministerial para a integración social dos minusválidos, formada por trinta e cinco deputados e seis representantes do colectivo. O SEREM tamén constituíu un Grupo de Traballo formado por catro técnicos e nove representantes do sector. Unha figura decisiva neste proceso foi o deputado catalán Ramón Trias Fargas, pai dun neno con síndrome de Down. Publicou unha carta no diario ABC, tratando de incidir na opinión pública, onde se preguntaba por que o Parlamento non aprobaba unha lei para a discapacidade. Tiña dúbidas se promover iniciativas legais puntuais ou propiciar unha lei específica que servira para desenrolar o artigo 49 da Constitución, e pedía a nosa presenza. Ao pouco tempo, presentou un pequeno borrador, o primeiro que tiven eu da lei porque foi precisamente nese momento cando me incorporo á loita manifestando que boto en falta alusións á problemática do minusválido do noso mundo rural.

O movemento asociativo, con grupos dispersos por España, tamén se vai consolidando e celebra unha Asemblea Nacional na que nace CEMFE (Coordinadora Estatal de Minusválidos Físicos de España) que sería parte activa na elaboración da lei. Xa daquela se falaba de que non queriamos unha lei especial. Sería seguir discriminando. Pero sabendo que, con nós ou sen nós, ía saír adiante optamos por participar coas nosas reivindicacións.

Chegar á LISMI foi moi complexo, xa que se traballaba con tres borradores. Curiosamente soubemos que o Congreso buscou ao mellor letrado das Cortes para que lles fixera a lei. No 79 e con Trias Fargas como presidente da Comisión, tiñamos o texto case ultimado, pero estivo aparcado máis de dous anos, pese a nosa loita continua e ao apoio indiscutible de Marcelino Camacho, secretario xeral de CCOO e do deputado andaluz, Juan de Dios Ramírez Heredia. Con eles compartín varias xuntanzas.

Aprobouse con UCD case no límite, despois da celebración do «Ano Internacional do Deficiente» no 81 e antes do «Programa de acción mundial para los impedidos», das Nacións Unidas. Promulgouse o 7 de abril de 1982 e sería o PSOE, gañador das eleccións de outubro, o responsable do seu desenrolo, nun prazo de dez anos. Deixo para a próxima ocasión un comentario sobre «O desencanto da LISMI».
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES