Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre a felicidade

martes, 08 de noviembre de 2022
O mes de novembro incendia o outono e a paisaxe vístese de saudade. Volvemos lembrar o sabor áspero do frío e a monotonía da choiva nos cristais. O vento da noite empuxa os nosos pasos cara á quietude da alma e sentamos a chorar polos ausentes.

O verán é unha nostalxia insulsa diante da inminencia do longo inverno que temos por diante. Días grises nos que o mundo é unha estufa de butano, sen máis pretensión que a de atopar un misto no caixón da cómoda. Só o dourado fulgor das follas, suspendidas no aire durante un breve lapso, logra arrincarnos un suspiro, pero é de melancolía e non de alivio.

Novembro sempre foi para min unha promesa do frío xélido que rabuña a porta, aínda que nos regale días luminosos nos que tinximos os dedos comendo castañas asadas, mentres sacamos do armario unha vella bufanda ou as luvas.

Só as páxinas murchas dun bo libro son quen de vencer as noites interminables de novembro, pois nin o outono pode derrotar a maxia da lectura, probablemente o camiño máis curto para aloumiñar ás apalpadelas a porta do ser. Gorentamos palabras envoltas nun silencio íntimo e sobrecolledor. Fonda quietude, apenas perceptible, que marca o ritmo morno dun instante inesquecible e xa esquecido.

Cando a última folla do poderoso castiñeiro de Indias caia, contemplaremos a nudez da tarde mentres vemos convalecer ao sol dorido no horizonte. Ninguén se espante pois a vida non é máis que o doce e decadente encanto dun instante perdido. Só aspiro a poder zurcir un día a poética deses instantes efémeros para saber se existe a felicidade ou se é algo inventado polos filósofos.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES