Agora mesmo moitos aínda seguirán dicindo e confiando en que a Liga de fútbol española é a mellor do mundo. O outro día, na Liga de Campións, onde está o gran miolo futbolístico, caeron tres equipos españois dunha sentada, dun saque (Sevilla,

Atlético e Barcelona), dos que un deles (os madrileños) nin tan sequera participará na ex Uefa.
Xa hai varios anos que a Liga española é "unha liguiña". Unha liguiña da que os grandes futbolistas empezan a fuxir coma quen leva o demo detrás. E o fútbol fano bonito os grandes xogadores. Hoxe, en España, se quitamos a Benzema, temos algo así como auga de bacallau. Si, chegou Lewandowski, pero fíxoo a un equipo que está de canga baixa, por moito que estea aí entre o primeiro e segundo posto. Por certo, precisamente estes primeiro e segundo postos están a demostrar unha vez máis que fóra do Madrid e Barça, nada de nada. Levamos dous anos con tantas esperanzas dun Atlético de Madrid enorme (en cadro de xogadores, se entende) que os seus fracasos, xa empezan a causar risas. Nun dos últimos Recunchos xa daba a miña opinión de Diego Simeone, pero vese que aínda ten moito poder nese club, xa que aí segue e como o de dimitir, no noso país, está mal visto, pois imaxino que seguirá mentres non o boten. Repito: deulle todo ó Atlético, mais o tempo pasa e as cousas cambian, polo menos deberían de cambiar.
Son antimadridista, pero sei recoñecer que o Real Madrid en Europa é o que é. Ten ese xene europeo que non ten ningún equipo máis. Demostrouno perfectamente o ano pasado; que o dominaron en todos os partidos de todas as eliminatorias, pero foi campión de Europa.
Nesta liguiña nosa, fóra deses dous grandes, todos os demais, a vivir das migallas que lles vaian caendo a eses dous. E se asoma algunha estrela non tardará moito en cruzar as fronteiras. Antes, o maná futbolístico estaba en España. Agora... agora está en calquera outro lugar que non sexa España. Estamos tan mal que ata nin o Celtiña rexorde das cinsas; nin cambio de adestrador nin gaitas. Aquelas palabras do principio da Liga nas que podía haber opción dalgún posto europeo, non tardaron en converterse nun "sálvese quen poida". E non sei se poderá este ano. Os postos de descenso empezan a bicarlle no cu.