Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A morte que non existe

domingo, 06 de noviembre de 2022
O contido básico da primeira lectura do Antigo Testamento xunto co núcleo do texto do evanxeo convídannos a renovármonos na fe na nosa Resurrección, que é consecuencia da de Xesús, Fillo de Deus e irmán noso.

No libro dos Macabeos vai aparecendo xa a fe na Resurrección en relación co feito fundamental de que Deus fixo todo da nada. Se Deus é quen de crear todo, terá igual poder tamén para refacer o que desaparece coa morte, sobre todo cando esa morte é indebida ou inxusta, tal coma proclama un dos sete irmáns ante os seus torturadores: "De Deus recibín este meus membros...; espero recibilos del novamente".

É esta fe na resurrección a que lles dá azos e esperanza ós mártires macabeos. Pódese aceptar a morte con tranquilidade "cando –tal como dirá o cuarto dos irmáns- se espera resucitar para a vida". Mais esta nacente ou xerminal conciencia da resurrección, que se albisca xa dalgún modo nos tempos do Antigo Testamento, vai acadar novo pulo no Novo Testamento, coa presenza, o actuar e a clara mensaxe de Xesús. Segundo a súa mensaxe, a nosa vida vaise transformando continuamente, de maneira máis rechamante coa nosa morte, mais esa nosa vida non cesa, non rematará endexamais. Cando Deus nos fai partícipes da súa propia vida, dánola á súa grandiosa maneira, é dicir, xenerosamente, podendo dicir que nola dá sen data de caducidade.

Vemos no texto do evanxeo como, fronte ós saduceos (que, á diferenza dos fariseos, non crían na resurrección), se afirma decididamente a resurrección dos mortos. En contraste cun certo comportamento ou modo de pensar que podería quedar reducido a un simple sentimentalismo en relación cos defuntos, dísenos claramente: "Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos. Para el todos están vivos".

En consecuencia, para o Deus anunciado por Xesús os mortos en realidade non son tales. Pois -tal como se nos di no texto de Lucas- para el “todos están vivos”. Os que vivimos por estarmos vivos e os que nos deixaron porque están a vivir ou seguen a estar vivos dunha forma distinta, mais real, por inconcibíbel que isto sexa para nós.

En realidade, se Deus é un Deus vivo, que existe e vive desde sempre e vivirá para sempre, sendo el mesmo o facedor da nosa vida, entón a que normalmente entendemos por morte non ten propiamente que ver con el. Por iso a morte, co peso e a carga que nós lle adoitamos dar, non ten para Xesús tal categoría. En consecuencia, e en última instancia, a morte, a nosa morte, non pode ser senón un episodio dalgunha maneira transitorio (por estraño, doloroso e sorprendente que el sexa) no interior dun proceso totalmente mergullado na vida, nese mar infinito de vida, que é Deus mesmo, no que –como nos di o apóstolo Paulo- "vivimos, nos movemos e existimos".

Entendida a morte deste xeito, cómpre aínda engadir que estariamos de feito a crer nun "Deus do mortos" (rexeitado por Xesús) cando non anunciamos a vida e traballamos por ela en tódalas súas formas; cando non procuramos o ben, o progreso, a xustiza, a misericordia; cando non loitamos a prol de que todos sexan respectados nos seus dereitos; cando non damos alento ós que o demandan e esperan de nós; cando non lles ofrecemos ós demais a posibilidade de participaren no gran don recibido de Deus, a nosa fe, esperanza e caridade; cando nos pechamos nos nosos particulares intereses e egoísmos, coidando que así conservaremos máis a nosa vida, sendo así que a vida propia é máis vida cando dela facemos participar os demais... Da mesma maneira que o lume é máis lume canto máis se comunica e se estende a outras realidades.

Mais por que Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos? Por que "para Deus todos están vivos"? A resposta, paréceme, podería ser esta: PORQUE DEUS É AMOR (tal como repetía Xoán), PORQUE DEUS NOS QUERE, PORQUE DEUS NOS AMA. E DE VERDADE.

Neste sentido, escribía un gran pensador: "Amar a alguén é dicirlle: ti non morrerás endexamais". Todos temos algo de experiencia disto. E se non, pensade un momento nalgunha persoa que queirades moito. Se no noso poder estivese, non permitiriamos en modo algún que tal persoa morrese. Pois ben, Deus quérenos e ámanos de verdade. Quere, en consecuencia, a nosa vida, e ten ademais poder absoluto para conservala e aumentala. Nisto radica en realidade a "resurrección" que Deus nos anuncia e promete en Xesús. Porque Deus nos ama de verdade e mais porque ten poder pra facernos vivir sempre, por iso pode e quere resucitarnos tras esa estraña e ardua transformación que chamamos morte.

Por outra parte, efectivamente, da nosa propia morte nin temos conciencia agora nin a teremos cando nos chegue. Xa o adiviñaron algúns antigos filósofos cando dicían que non é posíbel experimentar iso que chamamos morte, pois cando ela está –dicían- non estou eu, e cando estou eu ela aínda non está. Debido a isto sostiñan eles que non deberiamos ter medo algún a atopármonos coa morte, porque tal encontro non ocorrerá nunca. Total, que o noso é vivir, vivir sempre. Sobre todo se cremos, alén do que digan ou sospeiten os filósofos, na boa e alegre nova de Xesús: a resurrección.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES