Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (32)

viernes, 11 de noviembre de 2022
A curación mediante a palabra e os amuletos

Sabias, meigos, bruxos, menciñeiros, e principalmente os responsadores e ensalmadores, coñecían unha interminábel lista de oracións e esconxuros, que recitados, axudaban a recobrar a saúde. Era moi común que se rematase a oración ou o esconxuro con xaculatorias.

Cada enfermidade tiña o seu correspondente ensalmo, e ás veces, empregaban as chamadas palabrasA misteriosa e incógnita Valura (32) retorneadas, que non eran outras que as mesmas pronunciadas ao revés e que chamaban a atención dos campesiños por crer que era un idioma estraño, a xulgar pola facilidade que tiñan na súa pronuncia, dándolle á curación un aspecto diabólico e exotérico.

Case que todas as enfermidades tiñan o seu correspondente santo; así, san Benito para a cura das verrugas e a paleta ou omoplata, ou santa Lucía para os ollos...

En canto aos amuletos empregados na Galiza tradicional temos un amplo abano deles, como son: estampas de santos, escapularios, medallas, cruces de Caravaca, rosarios, rescritos, castañas de Indias, figas, cornos de alicorno (xabaril), pedras de ara...

Os rescritos, tamén chamados evanxeos, son uns papeliños envoltos nunha bolsa de tea que levaban impreso o comezo dos catro evanxeos. A finais do século XIX o cardeal Payá y Rico prohibiu a venda dos rescritos. Posiblemente os valuros pregoaran así a venda deles:

"Escritos, mulleres, baratos e benditos pra porta da horta, do cortello e de toda a casa".

Entre os obxectos profanos máis populares estaría a figa ou figura que representa unha man pechada co polgar metido entre o furabolos e o pai de todos, e que se leva colgado ao pescozo para protexernos do mal de ollo e do meigallo.

Utilízanse tamén os cornos de boi e de carneiro para poñer ás portas das casas, e o de vacaloura, que se leva como se fose un colar para evitar a acción das bruxas. Outro corno é o de alicorno (xabaril), o ollo de boi Vidal -que é unha concreción caliza-, chamado tamén "ollomao" e que se atopa nas praias da costa luguesa; a pedra de raio -machado de pedra pulida dos nosos precursores-; pedra de caimán -cálculo das vías dixestivas e urinarias dos mamíferos-, entre outras.

Para protexer os máis pequenos do mal de ollo, era frecuente atarlles ao pulso un corno de vacaloura, tan estimado, que case leva á extinción destes animais.

Nos curandeiros galegos aparecen tamén, de forma recorrente: coitelos, tesoiras e navallas coas que de forma figurada cortaban os males e as enfermidades. Cortábase a envexa, causante de todos os males, e cortábanse "os empezos" que eran as dificultades para andar os picariños.

O lume tamén se empregaba na menciña popular, incluíndo as chamas, o fume e as cinzas, que formaban parte da liturxia curadora; por exemplo, o "aire de defunto", pois era habitual queimar a roupa coa que se fora a un enterro para evitar que o "aire de defunto" se estendese pola casa e puidese afectar aos máis pequenos.

A auga como medio de curación arranca das crenzas celtas das augas, que son deusas, e estaría moi estendido pola Valura, sendo despois adoptado polo cristianismo en infinidade de capelas e ermidas nas que hai unha fonte, e incluso a mesma auga que cae do ceo e se deposita nos ocos das penas, tamén era boa para restablecer a saúde.

Salve Valuria!

NOTAS:
FREIRE, Pilar.- Menciñeiros, saludadores e compoñedores. Los sanadores en la medicina popular de Galicia. Las Gentes. Tomo 1. Gran Biblioteca Temática de Galicia. Radiovoz, Edita Ea, Coruña 2006.
Outros
LIS QUIBEN, Victor.- La medicina popular en Galicia.
CABALEIRO GOÁS, Manuel.- La psiquiatría en la medicina popular gallega.
RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús.- Supersticiones y preocupaciones vulgares.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo.- Endemoniados en Galicia hoy.
BECOÑA IGLESIAS, Elisardo.- Medicina popular.
VÁZQUEZ GALLEGO, Jesús.- Tradiciones, mitos y creencias. Curanderismo en medicina popular de Galicia.
RISCO, Vicente e CUNQUEIRO, Álvaro.

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES