Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembrando... (1)

jueves, 03 de noviembre de 2022
No mes de marzo, cando comeza a primavera, volvemos os ollos a Noia e lembramos a Avilés de Taramancos. Dixérao Novoneyra: "Foise cando chegaba a primavera". Esta cita xúntase sempre coa dos seus versos: "É primavera en Noia". E aínda máis no 2022, cando se cumprían trinta anos do seu pasamento, cando diferentes forzas se acordaron e homenaxearon. Fíxoo o Bloque o sábado dezanove e faino o concello o mércores vintedous de marzo, nun acto no que se dá continuidade á ofrenda floral do martes no cemiterio de Boa.

Aos saúdos políticos seguiraos a escoita dun poema gravado por Sofía Vaquero (a súa muller) no que recita "Miña patria". Desta maneira, a muller andina achégalle máis sentido, se cabe, a aquel poema citado, no que o Lembrando... (1)poeta escribe que sería o seu nome a patria dela:

"É primavera en Noia, e a noite
será unha longa mina de diamantes.
(...)
Camponesa de Cáqueza, ferida
quixera verte hoxe nos meus brazos
eivada como un anxo en rebeldía,
entón sería o meu amor a furna
da túa fronte aterecida e pálida.
E sería o meu nome a túa patria.

É primavera en Noia e ando lonxe
ermo na miña dor diante da noite:
montañesa dos Andes con que gozo
apreto a túa man estraña e única."

Homenaxear a Avilés en Noia (e facelo coa xente da localidade) ten un valor engadido, porque el recoñeceu sempre o traballo dos noieses que construíron a cultura que caracteriza a vila. Dende o seu primeiro premio, aquela Mención honorífica no Casino en 1955, cos poemas "Antón de Noia" e "Cadarso"; a homenaxe a María Mariño dende Catavento; as exposicións e apoio aos artistas plásticos: SoledadPenalta, Alfonso Costa, Sesé... (tal como pode verse nos catálogos cos seus poemas); a atención aos escritores novos na colección "Verba que comeza" da Casa da Cultura... Aquí estaba Martín Veiga, o profesor que dende Cork, por medio dunha vídeo conferencia vai falar da obra de Avilés de Taramancos porque el é a súa principal liña de investigación. De Noia tamén é Ana Romaní (académica da RAG e premio nacional de xornalismo) a quen acompañou naquel primeiro libro Palabra de mar e con quen traballou en tantas aventuras culturais. E, de Noia tamén, César Souto Vilanova, que se move (como Romaní) entre o xornalismo e a poesía (con dous libros publicados).

Noia, onde tanto se lembra a Avilés, dende a súa faceta de creador pero tamén dende a de activista cultural que conseguiu darlle a fisionomía que hoxe ten. É imposible paseala sen lembralo, porque os seus pasos saen a saudarnos, porque para facer política cultural só hai que ten en conta o que el construíu... Unha vila que levita na Noia dos Soños, onde toda esa parroquia de mortos (que non o están) coida do xardín das artes e as letras e a fai florecer cada primavera...

Trinta anos e seguiremos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES