Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Impulsados á esperanza

martes, 01 de noviembre de 2022
Comezamos o mes de santos, tal e como chamamos tamén o mes de novembro por este mes empezar coa festividade de tódolos "santos". Son, pois, estes santos os que lle dan nome ó mes no que, ademais, mañá se fará tamén lembranza de tódolos defuntos. Así pois, podemos dicir que hoxe e mañá santos e defuntos andan conxuntamente en mutua compaña. Porque, por un lado, os primeiros declarámolos santos só despois do seu pasamento e, por outro lado, debemos esperar tamén que tódolos defuntos sexan aceptados como participantes na mesa do reino de Deus.

Lembramos, xa que logo, os nosos santos, os "normais", os de andar por casa máis cós oficialmente canonizados ou solemnemente considerados como tales. E mañá lembraremos os queridos defuntos, que na nosa terra tiveron e seguen a ter tanta relevancia cultural, social e relixiosa. Moitas lendas e imaxinarios da Galicia tradicional teñen que ver con isto. Aí está a "Santa Compaña", a celebración do tradicional Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a irlandesa: candeas e cabazas, que recordan as caveiras dos defuntos; magostos coa degustación das primeiras castañas e do viño novo. Sabemos ben que estes rituais están relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos.

As dúas festividadess están, pois, moi relacionadas entre si. Temos, ademais, dereito a esperar que o amor que Deus Pai-Nai nos ten sexa quen de facer que a salvación que nos trae Xesús afecte universalmente a todos. Quero dicir, pola graza de Deus temos dereito a esperar que a salvación nos abranga a todos. Baseándonos sobre todo na bondade e misericordia deste noso Deus paternal e maternal. Deus quere salvar todos. Os teólogos fálannos neste sentido da vontade salvífica universal divina. Deus é suficientemente poderoso e misericordioso para acadar que a súa vontade de salvación e o seu amor a todos non rematen en fracaso.

Por estas e outras consideracións, a Igrexa celebra hoxe nunha festividade conxunta e especial, "tódolos santos", todas aquelas persoas que en moi diversos tempos, lugares e culturas foron fieis a Deus e ás súas conciencias, aínda que puidesen ter fallado máis dunha vez no seu intento en diversos momentos da súa existencia. Persoas que foron tamén pecadoras, mais que recoñeceron ante si mesmas, ante os demais e ante Deus que o foron e por iso pediron perdón. Porque Deus é quen de nos salvar a pesar dos nosos pecados e dos nosos fallos.

De maneira significativa, fálanos Xoán hoxe na Apocalipse dunha "multitude inmensa, que ninguén daría contado, de tódalas nacións, razas, pobos e linguas". Algo que semella corresponderse con esa vontade salvífica universal de Deus que se nos manifesta claramente en Xesús, o Fillo de Deus, no que a humanidade toda está reconciliada e "santificada". Deus non veu en Xesús salvar algúns, senón todos. Por iso temos pleno dereito a confiar e a esperar.

A nosa fe nesta "inmensa multitude" de "santos", de xente "boa", de "corazón limpo", "pobres", "amadores da paz", etc., cos que grazas a Deus nos atopamos con frecuencia na vida, baséase fundamentalmente na grandeza, magnanimidade e bondade do Deus Pai-Nai de todos. Por iso, Xoán non dubida en nos dicir na segunda Lectura cousas coma estas: "Mirade que amor nos tivo o Pai, para nos poder chamar fillos de Deus e selo de verdade". E engádesenos aínda:"Agora somos fillos de Deus e aínda non se manifestou o que seremos. Sabemos que cando se manifeste seremos semellantes a El, porque o veremos tal como é". Deus amósase así meirande ca canto sobre el poidamos maxinar. En realidade, ¿podemos pensar nalgún pai ou nai que, se a cousa estivese na súa man, non convertese os seus fillos nos máis grandes, nos máis felices, nos máis ditosos, nos máis excelentes?

En calquera caso, Deus quere e busca a nosa "santidade" conxuntamente coa nosa "felicidade" por camiños que de entrada nos poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Pois para el a felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles. Ese é precisamente o estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas ou felicidades que se nos anuncian no evanxeo e que non son senón un fiel retrato do que foi a vida mesma de Xesús. Dísenos, efectivamente, nelas que serán benaventurados, é dicir, felices, os que teñen espírito de pobres, os que sofren e choran en comuñón cos que están aflixidos, os que non se comportan de maneira violenta por moito que a violencia os tente, os que se preocupan pola realización da xustiza e loitan e traballan por ela e mais pola paz aínda que por iso sexan denunciados e perseguidos polos poderosos, os que teñen corazón misericordioso e non vingativo ou condenador. É dicir, os que teñen un corazón sinxelo e limpo coma as augas que flúen, transparentes e cantareiras, dunha fonte pura e sa. Todos eles acadarán felicidade no interior de si mesmos e serán quen tamén de espallala ó seu arredor.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES