Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Deus impulsor de todo

lunes, 30 de noviembre de -1
Hai nas Lecturas de hoxe un notábel contraste e, tamén, axeitado complemento entre a primeira e o texto do evanxeo, no que o protagonista é alguén chamado Zaqueo. No libro da Sabedoría fálasenos da grandeza de Deus e no evanxeo do seu rebaixarse en Xesús ata conversar de igual a igual cos pecadores, parando cas deles, cousa que resultaba inconcibíbel nas categorías sociais e relixiosas do tempo .

Mais case máis importante ca detérmonos neste contraste entre os dous textos é ver como o Deus facedor de todo mantén o seu mesmo modo de ser en relación coa grandeza do universo material ou coas persoas. Nun caso e noutro amósase sempre grande, magnánimo, sorprendente.

Así, vemos que no Libro da Sabedoría hai conciencia de que no universo se expresa dalgunha maneira o mesmo Deus. Mais, sen que isto se negue, amósase este mesmo Deus como incomparabelmente máis grande có universo, por grande que este sexa: "o universo todo, de fronte túa –podemos ler neste escrito do Antigo Testamento- é como un lixo na balanza e como pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra".

Isto segue a ser válido nos nosos tempos por máis que agora saibamos moito máis sobre a grandeza do universo que cando se escribiu o Libro da Sabedoría. Actualmente fálannos os astrónomos e astrofísicos de miles de millóns de galaxias existentes no noso universo e da posibilidade incluso de que existan outros universos iguais ó noso ou moito máis extensos, incluso innumerábeis.

Podemos pensar que esta excelsitude divina, reflectida na grandeza do universo, é precisamente a que fai que sexa Deus tan dadivoso e magnánimo en tódalas súas criaturas. Por iso a el non lle vai ser envexoso, resentido, "malo". Á fin e ó cabo, todo vén del. Desde as partículas elementais máis pequenas ata as galaxias máis descomunais. Todo procede del. El quere e ama, polo tanto, tódalas cousas.

É isto o que se deduce de moitas expresións deste Libro da Sabedoría. Velaquí algunhas: "compadecícheste de todo, pois todo o podes"; "todo o perdoas porque todo é teu, Señor, amigo da vida; pois o teu sopro incorruptíbel mora en tódalas cousas"; "amas tódolos seres e non rexeitas nada do que fixeches".

Deus e, polo tanto, bondadoso, magnánimo, porque a súa creación, e nós nela, procedemos del e nel estamos ("nel vivimos, nos movemos e estamos”" ou, como se di no Libro da Sabedoría, el está en nós ("o seu sopro inmortal está en todo").

É esta grandeza de Deus a que se amosa tamén no encontro de Xesús, imaxe humana de Deus Pai-Nai, con Zaqueo, segundo o reato de Lucas.
Polo que alí se nos di, Zaqueo era "pequeneiro" de talle, mais grande en desexos e anceios. Buscaba con teima a felicidade e chegou por iso a ser "moi rico" (tal como se nos di), posibelmente a costa tamén doutros os que, de cando en vez polo menos, asoballaba. Mais a sona de Xesús, un personaxe singular, que non dispuña de riquezas materiais mais que facía felices a cantos o seguían, inquietábao. Correu, pois, e subiuse a unha figueira coa idea de se pór así a tiro da ollada de Xesús, que por alí ía pasar.

Zaqueo non sospeitaba nin era consciente de que en realidade e de verdade era o propio Xesús o que lle estaba a dar forzas e presteza, ó seu corpo e ós seus pés, para correr e apolitar figueira arriba. E iso que Zaqueo tiña que saber moi ben que as pólas das figueiras eran perigosas, pois non se deixan domear coma as doutras árbores, senón que rompen de súpeto cando un menos o pensa. "Coidadiño coas pólas da figueira, que vos son moi falsas", dicíanos miña nai ós seus fillos cando subiamos á nosa frondosa figueira, pegada á parede da casa, pra paparmos figos.

Mais Zaqueo non sobe á figueira a por figos, porque el, como rico que era, dispuña de abondosos alimentos na casa e na mesa para non ter que andar buscándoos entre as follas da figueira. El quere ver Xesús. Non por curiosidade. Ocorría que a persoa de Xesús estaba hai tempo movéndolle o corazón, aínda que Zaqueo non se daba suficientemente conta do que lle estaba a pasar... Como era Xesús quen levaba a iniciativa neste encontro salvador, sen que Zaqueo se puidese decatar ben diso, a sorpresa de Zaqueo tivo que ser maiúscula cando de súpeto escoita que Xesús se "autoinvita" a comer na súa casa: "Zaqueo, baixa, que hoxe teño que comer na túa casa"...
Unha vez máis temos aquí o xantar compartido como símbolo da íntima e igualitaria relación, persoal e comunitaria, de Deus, do Deus de Xesús, connosco e de nós con el. Non o esquezamos: é sempre Deus, o Deus de Xesús, quen convida. Nunca somos nós os que o convidamos a el. Só temos, pola nosa parte, que poñermos a tiro del, por máis que mesmo nisto sexa el que tira tamén de nós.

Zaqueo acada así unha viva experiencia da grandeza, da bondade, da xenerosidade do Deus de Xesús ó se atopar deste modo, inesperadamente, man a man con el na súa propia casa. Unha experiencia semellante non pode menos de transformalo. De rico, explotador ou asoballante pasa a sentir os demais como iguais a si mesmo: "darei a metade de canto teño ós pobres e, se roubei a alguén, devolvereille catro veces máis". En adiante, será menos rico en cousas das que presumir ou fachendear, mais terá un tesouro infinito: a riqueza dun Deus que se fai amigo del en Xesús e a plenitude que proporciona a irmandade coas persoas coas que convive, que el fai partícipes dos seus bens. Estas persoas deixan xa de se sentir asoballadas e acadan a dignidade de irmáns cos que se comporta fraternalmente.

Amósase así nidiamente unha vez máis a vertente social da mensaxe de Xesús, tal como Lucas a percibiu. Isto é importante nas celebracións eucarísticas. Pois xustamente pouco antes de recibirmos a comuñón eucarística dicimos: "eu non son merecente de que entres no meu fogar...". Tampouco Zaqueo era "merecente" de que Xesús parase no seu fogar, na súa casa, e así o pensaría el seguramente tamén tras escoitar desde a figueira as palabras de Xesús. Mais nesta nosa relación con Deus non teñen cabida algunha os chamados "méritos" propios, que un nunca pode ter desde si mesmo. Aquí só campa a gratuíta e xenerosa iniciativa de Xesús.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES