Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dar a man

martes, 01 de noviembre de 2022
Dar a man é todo darse
ó amigo ou ó inimigo,
sacha que abre terra mol
á semente do armisticio.

Non a dar é xa perdela:
toco ficas ó non a dar.
Haiche cousas que así son:
pérdense se non as dás.

Case todo évos a man.
Sabe ela agarimar,
mais tamén, se é necesario,
coma o mico rabuñar.

Bo milagre éche da vida
termos dúas, non só unha.
Mentres unha está doente,
aínda hai outra por fortuna!

Coas dúas faise cunca
pra da fonte beber auga
na calor do mediodía
en compaña da cigarra.

Mans non quero pra ferir,
pra coa espada ameazar.
Si as quero pra a quen pasa
do meu pan amor lle dar.

Mans que xeran esperanza
no labrar e sementar
para os pobres deste mundo
teren algo que probar.

E a esta terra empobrecida
moito lle debemos dar:
ben coidala como amiga.
Ela é a nosa nai.

Canto é noso deunos ela,
mais agora pobre está:
da raíña que antes era
só leve halo fica xa...

Mans amigas, mans artistas,
entre todas devolvamos
á raíña a fermosura
que noutrora admirabamos!

Aires limpos e mais ríos,
mar azul, non vertedoiro,
sol e estrelas no alto ceo
e de noite ouvir o moucho!

Haxa día se é de día,
haxa noite ó sol se pór,
ceibes voen anduriñas
e de cirrios escuadróns.

Que a man no arado posta
acompañe a labrandeira.
Terra aberta coma a man,
nunca máis serás baldeira!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES