Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Neve nos campos

miércoles, 02 de noviembre de 2022
O outro día alguén me comentou que quería levar as fillas á neve. Cada vez témola un pouco máis lonxe e con ela vaise unha fonte de fartura. Miña avoa sempre dicía que "por Santos neve nos campos". Este refrán cada vez foise retrasando máis, ata o punto de haber anos enteiros sen neve. Non en tanto sabemos que a neve contribúe a que a auga entre na terra máis paseniño e fondee ben nela coa correspondente fertilidade.

Tamén dicía meu avó que Galicia era rica porque tiña auga. Coido que nunca imaxinou que estiveramos ao borde ou mesmo que haxa pobos sufrindo restricións. O cambio climático peta á porta dunha forma tan obvia quea quen o nega simplemente hai que tratalo de necio. Mais hai outra vertente do cambio climático e é ser consciente como a alteración do ciclo natural altera, tamén, o ciclo cultural que nel se sustenta. Así parece inconcibible celebrar magostos a certa temperatura. Por non falar de que está vindo a época das matanzas e o frío faise imprescindible.

Recordo estrear botas en setembro, ao empezar o colexio, recordo tamén como a virxe das Dores en Vilaxuste (terceiro domingo de setembro) ou o San Miguel de Monterroso (29 de setembro) tiñan amizade coa auga e, se un ano non chovía, xa se sabía o que agardaba ao seguinte. Agora é difícil detectar as estacións se non é polo calendario.

Andamos tarde e primamos os intereses dos grandes capitais pero o cambio climático leva consigo unha parte moi importante do que fomos. Iso que compartiamos cos nosos pais e avós máis alá dos cambios xeracionais. Agora costa imaxinar como contar aos que veñen atrás nosa que os invernos eran fríos e que a auga rara vez cesaba entre setembro e abril. Que o Nadal saudaba ao solsticio de inverno e a Pascua dáballe a benvida á primavera. Aquel tempo no que as estacións se facían sentir era unha regalía que non valoramos o suficiente e que agora quizais toca chorar como un ben perdido que non semella fácil recuperar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES