Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel de Veras de Liñarede

miércoles, 26 de octubre de 2022
Manuel Castro Veres naceu no ano 1919 na aldea que ten o bonito nome de Liñarede, unha das aldeas situadas mais ao sur da parroquia dos Vilares de Díaz Castro; entre Vilargabín e O Cando, xa de San Salvador. Esa aldea sempre tivo tres casas: A de Ciprián, a de Veras -quizás chamada así por unha deturpación do apelido Veres- e a de Cadete, que logo mercaron a medias Veras e Ciprián. Nos seus tempos debeu ser unha Manuel de Veras de Liñarededas aldeas mais notables da parroquia e aínda hoxe podemos observar un vello eucalipto ao lado da casa de Ciprián, como mostra daqueles tempos nos que as casas ricas plantaban unha árbore desa especie, que, por desgraza, agora invade os nosos montes, prados e terras de labrar. Esa aldea aínda hoxe, a pesar de ter so dúas casas e so unha delas habitada, ten un código postal propio diferente do resto da parroquia.

Manuel era primo segundo de Xosé María Díaz Castro e naqueles tempos tamén era un dos mais preparados da parroquia. Estudiou as primeiras letras na escola habanera dos Vilares e despois mandárono aos Maristas da Coruña, aínda que seu tío, Jesús Veres Díaz, cura de Santa Cruz de Parga, quería mandalo ao Seminario de Mondoñedo, pero segundo a súa sobriña Carme Vázquez Castro díxolle que non, que el quería dous pares de zocas debaixo da cama, e despois de pasar un tempo na Coruña, no 1936 veu a guerra e con 17 anos mandárono a Mahon. Logo, cando rematou a guerra volveu para a casa e dedicouse a traballar o lugar.

No ano 1957 cumpriuse o seu desexo de ter dous pares de zocas debaixo da cama, pois nese ano casou con Rosalina Pernas Otero, de 27 anos -once anos mis nova-, da parroquia de Goiriz, á que debeu coñecer cando seu tío Jesús estivo de crego nesa parroquia chairega.

Cando vivían seus pais á casa de Veras chamábanlle a casa da Misericordia, por dar pousada a todo aquel que a necesitara. Alí paraban sempre os probes que viñan pedindo e o capador Serafín Vispalia, nacido en Cospeito, que tiña dous fillos casados con dúas irmáns de Rosalina. Con Manuel e Rosalina tamén seguiu merecendo ese nome, pois seguían dando comida e pousada a todos os probes que pasaran por alí.

A casa de Veras era unha casa de labradores e gandeiros moi forte. Tiña un bo lugar e incluso houbo un tempo no que tivo caseiros, pois cando seu pai mercou a casa de Cadete estiveron nela Emilio da Tolda e despois os da Cuca, traballando unha parte do lugar. Logo, cando se foron os caseiros e era moito o traballo, tamén tivo algúns traballadores, que daquela a xente chamaba "criados". Tivo un rapaz o que lle tiña moito aprecio, chamábase Xosé e seica lle faltaba algo de entendemento, por iso cando o chamaron para ir ao servizo militar Manuel foi con el para ver si o podía librar desa obrigación por non ser dono de todos os coñecementos. Recibiunos un capitán e Manuel explicoulle que non era apto para facer ese servizo e o capitán preguntoulle a Xosé onde quería ir facer o servizo militar e Xosé contestoulle: Coas vacas para a Pena Cova. O militar ao escoitar aquelo, díxolle: Pois váiase, vaia coas vacas para a Pena Cova.

Manuel era un gran emprendedor e a finais dos anos sesenta construíu unha casa de dous pisos e un soto no Castro dos Vilares, que está cerca das Reixas, coa intención de poñer taberna, ultramarinos e un almacén no que vendía sal, mineral e outros abonos. Ansiaba o progreso e foi un dos primeiros da parroquia que fixo un silo de ladrillo e cemento para conservar a herba e o millo, que aínda podemos ver hoxe detrás da casa. Alí foi a primeira vez que eu vin un silo.

Unha proba da súa vontade de facer realidade os seus pensamentos foi cando decidiu facer mais fonda a corte das vacas utilizando dinamita controlada polo meu veciño, o poceiro Serafín do Rei, da Tiñaz, que aprendeu a manexala e a bailar o "chiringhuai" cos mouros, cando estivo facendo o servizo militar en Melilla. Serafín era un gran poceiro e ía mercar a dinamita á "Casa Revilla", cuxo letreiro aínda creo que se pode ver hoxe ao fondo da praza de Santo Domingo de Lugo, e penso que sería a primeira vez que se utilizou ese explosivo dentro dunha casa de pedra, que se pode esfarelar con moita facilidade; pero foi todo un éxito que fixo mais fonda a corte, polo que podemos dar fe da mestría do poceiro da Tiñaz manexando a dinamita e da valentía de Manuel.

El era sabedor dos problemas e atrancos do minifundio, por iso loitaba polo parcelamento e apoiaba aos técnicos da Extensión Agraria para que puideran explicar os seus coñecementos aos veciños da parroquia. Para iso organizaba asembleas con eses técnicos na casa do Castro dos Vilares, asembleas ás que asistían a maior parte dos labradores e gandeiros da parroquia. Quería que os veciños levaran a cabo os consellos que lles daban os especialistas da Agraria e organizaba viaxes a outros lugares onde xa se practicaban esas técnicas.

Os veciños de Liñarede, de Vilargabín, As Mourelas, Novás e algúns de Vilasuso, tiñan en parcería o muíño de Liñarede, que recollía a auga da famosa fonte de Piavade, pero o vello muíño quedábase pequeno e desfasado para os novos tempos, polo que entre 1959 e 1960 propúxolle aos parceiros tiralo e facer outro mais grande con dúas moas, para o que contrataron aos mestres canteiros, Xesús de Carreira de Arxán e Xermán do Cal, que fixeron o muíño e unha presa mais grande, na que logo nos bañábamos de nenos.

Pouco tempo despois a auga desa fonte que abastecía ó muíño, tan boa que a pedían os moribundos nas últimas horas de vida, canalizouna "Mirón do Monte", de San Salvador, para uso propio na súa casa e no seu lugar que tiña monte abaixo. Comenteille o caso ao meu amigo, o poeta José Andrê López Gonçález, e fíxolle este poema titulado "Fonte de Piavade", que publicou no libro "Onde o vento leva un soño de carpazas", editado pola "Asociación Cultural Rosalía Castro" de Barakaldo:

Regueiriño pra os paxaros
Por entre as herbas miúdas.
Fontiña de Piavade
xa sen cántiga nengunha.

Pero Manuel foi un home adiantado ao seu tempo e, na súa defensa do comunal ante o privado, denunciou o caso ante os tribunais de xustiza e gañou o preito, polo que as augas volveron a canle do muíño comunal de Liñarede, que puido seguir moendo mentres os veciños seguiron sementando trigo, centeo ou millo e nós, na nosa xuventude, utilizando a presa como piscina.

Pero cando os nosos paisanos deixaron de sementar eses cereais deixou de moer e o mesmo poeta dedicoulle tamén este poema titulado, "Muíño de Liñarede", que tamén publicou no mesmo libro:

Nin pan nin homes Soiño.
Sobor dos campos cincentos,
Muíño de Liñarede,
Moendo tristura e vento.

A Manuel gustoulle moito o libro, porque era un home culto e amigo da xuventude, de aí que todos os anos asistían el e mais Rosalina ao Festival de Pardiñas. Agora sempre miro para o banco onde merendaban os dous todos os anos e saíron nun reportaxe de vídeo do X Festival de 1989, pero por desgraza xa non os atopo, e sinto pena.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES