Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros antigos e de ocasión

lunes, 17 de noviembre de 2008
Achegueime estes días até unha feira de libros antigos e de ocasión. É moi aleccionador dar unha volta por estas feiras nas que tanto amor e coidado se pon nese ben preciadísimo que é o libro, no que deberiamos investir todos algo do noso gasto do mes, como facemos co futbol ou coas cervexas, anque non sexa máis que para ter o día de mañán, cando nos chegue a xubilación e non saibamos que facer con tanto tempo baleiro, un motivo seguro de lecer e de sorpresas. Porque o libro non esixe máis ca unha pouca de luz e un lugar algo cómodo para ler. Coa compañía do libro non dependemos de ninguén e ninguén terá que se queixar do noso comportamento porque a ninguén amolaremos coas nosas teimas e cos nosos caprichos de vellos egoístas.

No meu paseo pola feira merquei desta vez dous libros. Trátase dun tipo de publicacións que de sempre me divertiron polo que teñen de excursión cara a un pasado que, sen estar moi lonxe dos nosos días, semellan seren dos tempos de Pepa a Loba e me fan pasar momentos moi amenos. Refírome a un manual de Cartas de amor y de amistad, no que, como o seu título indica, se ofrecen modelos de cartas para todo tipo de situacións amorosas, e a unha Enciclopedia de la cortesía y del trato social, na que se dan consellos sobre a maneira de comportarse en sociedade.

Os libros de cartas de amor teñen moito encanto, pois son testemuñas dunha sociedade hipócrita e ignorante que non dubidaba en se adornar con flores alleas para expresar os seus supostos sentimentos. Voulles transcribir un fragmento dunha delas para que tamén rían un pouco, se lles apetecer: "Mi nenita: cómo has podido pensar que te hubiese olvidado? De seguro que me hablas así porque deseas oír una vez más hasta qué grado te quiero y cómo siente este corazón, que, noche y día, repite tu nombre adorado en su precipitado latir. Tú lo eres todo para mí, preciosa mía, y si tú me faltaras, faltaría la luz de mis ojos y la vida de mi ser. Tu sonrisa, tu voz y tu imagen llenan mi vida, que dejó de ser triste desde que tú me ofreciste tu cariño, y ahora que poseo todos los bienes de la tierra teniéndote a tí, voy a olvidarme de mi Lolín, tan buena, tan linda y cariñosa?"

Ben, a cousa segue nese ton, que hoxe nos parece cursi pero que non hai moitos anos facía abanear as mociñas da sociedade compostelá, pois estamos a falar dun libro editado en Santiago por Galí e que xa ía pola cuarta edición, segundo consta no exemplar que caeu nas miñas mans.

Tamén a Enciclopedia de la cortesía que merquei ten o seu aquel, pois, por poñer un exemplo, no capítulo que aconsella sobre cómo teremos que nos comportar cando nos dean un banquete de agasallo (meigas fóra!), di cousas como as que vou reproducir para os meus lectores, referidas ao discurso que debe pronunciar o agasallado. Vexan este cachiño, que non ten refugallo: "A la hora de los discursos, el agasajado pondrá fin a ellos con pocas palabras, dejando el menor campo posible a la inspiración, pues una comprensible torpeza de expresión podría poner en duda la existencia real de los méritos que le fueron reconocidos publicamente". E aínda máis chuscos son os consellos que dá a quen asistiu ao banquete, cando lle di que: "Antes de abandonar el salón, deberá estrechar la mano a quien fue objeto del banquete, para felicitarle... y para que se entere de que figuró entre los comensales.Y eso deberá hacerlo fumándose el puro que le ofrecieron, si es que fuma; pues si no, debió dejarlo en su caja".

Xa ves, lector, que non pasará desapercibido o feito de gardares o puro que che regalou o padriño da voda no peto da americana para quedar ben cun amigo ou para gozalo na túa soedade doméstica. Terás que fumalo aínda que reventes e, se non che apetece nese momento, deixao na súa caixa con toda a dor do teu corazón. e vaite agora mesmo a procurar algún libro que che axude a gorronear con elegancia.
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES