Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fame mata

lunes, 24 de octubre de 2022
Non hai que ser un lince para saber que a economía para o cidadán de a pé está de capa caída, de canga baixa. A proba está nese 75% de galegos que teñen moitas dificultades para chegar a finais de mes. Un tanto por cento moi elevado, demasiado elevado. Mais non me estraña, xa que aí atrás creo que lera que os alimentos subiran máis dun 14%, cando os soldos ou as pensións soben por contagotas.

E deses pos veñen estas lamas, as de que as persoas pobres viven case catro anos menos que as ricas. Normal, a fame mata. Xa na Idade Media os labregos galegos tiñan unha moi pobre dieta. E iso que da terra pódese dicir moi ben que sempre se sacou para comer. Pero claro, aqueles típicos tres ou catro produtos básicos. Como máis ou menos veu acontecendo ata máis acá de mediados do século pasado. Eu aínda recordo bastante a miña propia dieta: pan e touciño, pan e touciño e nada máis que pan e touciño. Os demais produtos, a maioría, había que vendelos para poder subsistir. O de ir mercar algo ás tendas quedaba para aqueles que tiñan posibles, que todos intuímos quen eran. Os labregos bastante tiñamos con cebar o porco para, logo, comer o touciño, pero só o touciño, que os xamóns, lacóns, cachuchas había que vendelos. O pan... o pan menos mal que se facía no forno comunal. Lembro aquelas fornadas de oito pans para oito ou nove días. Cando chegabamos ó oitavo pan... menos mal que tiñamos bo dente. E o que non, que o mollase un pouco en auga ou migándollo ó caldo.

Agora méteste político e xa non pasas fame, aínda que non fagas moita cousa, é dicir, politicamente falando, nada. Aquí en Ourense hai un que o fai divinamente; chega, asina, marcha e cobra. Iso si, disimula un pouco cando entra ós plenos da Deputación, está un chisquiño, é dicir, faise ver e, ale, 280 euros por facer acto de presenza. Á conta dos pombos. Ese seguro que vivirá máis de catro anos que calquera deses pombos.

Tamén aí deses pos veñen estas lamas: que non lle preocupa que o seu concello gaste máis en libros para fillos dos seus funcionarios que en familias necesitadas. A estas familias necesitadas o que lles queda é engrosar o tanto por cen altísimo de pobreza ou morrer catro anos antes. Así de sinxelo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES