Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Brasil nun intre crítico

viernes, 21 de octubre de 2022
Para min Brasil foi unha descuberta nos anos setenta. Caeu nas miñas mans o opúsculo "Evangelio y Justicia" de ZYS, unha editorial semiclandestina na época da nosa ditadura, cuxos autores eran os bispos Helder Cámara e Antonio Fragoso, bispos. Nese tempo Brasil estaba baixo a ditadura militar (1964-1985). Esta ditadura, como toda ditadura, e diso temos nós abonda experiencia, mantíñase grazas á represión por medio das torturas refinadas para o exterminio dos revolucionarios e comunistas. Un dos brancos deste exterminio foi a Orde dos Dominicanos, e coincide o de "branco", pois cando foi detido o abade prior, todos os freires co hábito dos dominicanos, manifestáronse, naquela famosa manifestación da "batina branca", diante do Departamento de Ordem Política e Social (DOPS) pedindo a súa liberación, e lograrona; mais a actuación represiva cebouse nun grande número de freires sufrindo a morte, desaparición, e torturas que se pode ver con Frei Tito de Alencar no libro "Un Homen torturado: nos passos de Tito de Alencar"; e tamén no de Frei Betto, "Batismo de Sangue", que o lector pode baixalo gratis en PDF en internet. Ao famoso torturador Fleury, delegado da DOPS, a ditadura lle dedicara unha rúa; pois esa mesma rúa na democracia de Lula_Dilma foille restituída polo seu torturado, Tito de Alencar.

No que se diferenciou da nosa ditadura foi na actitude da Igrexa. Se a nosa xerarquía bendiciu o golpe e a guerra civil, a do Brasil, en número considerábel de bispos, condenou con toda valentía os "anos do Chumbo", que así lle chamaron a esta ditadura. Se a Helder Cámara lle cerraron as publicacións, as súas palabras traspasaban as fronteiras e aparecían escritas no estranxeiro. A CNBB (Conferencia Nacional de Bispos Brasileiros) denunciou o quebranto dos Dereitos Humanos. Cando lle asasinaron un sacerdote en Recife mallado a paus e aforcado, o bispo Helder di: "somos cen os que figuramos na lista... se fai falla máis mártires, estamos dispostos". E chegaron ao berro común: "Ditadura nunca máis". E seguiu a Lei da Amnistía que lles abriu as portas para regresar os políticos do exilio, mais tamén, como pasou aquí na nosa Constitución, a absolución dos responsábeis dos crimes "nos anos do chumbo". Lula promete a apertura dos arquivos, que as Forzas Armadas din que xa están destruídos.

Acabaron coa ditadura e conseguiron a democracia no mundo do liberalismo e logo do neoliberalismo no que o que vale é o carto para uns cantos e a pobreza para os moitos, e iso sucedeu en América Latina e sobre todo no Brasil con moitos millóns de pobres e aquí a Teoloxía da Liberación tomou a obriga de botarlle unha man aos revolucionarios e loitadores por un mundo máis xusto. Nesa loita mística e revolucionaria aparecen, ademais dos citados antes, Pedro Casaldáliga, Leonardo Boff, Frei Betto, Xosé Mª Pires, Paulo Evaristo Arns, e moitos outros entre bispos, cregos e laicos: "hai que promover a substitución do capitalismo polo socialismo... Deus non quere que haxa ricos que exploten aos pobres".

E chegan os gobernos de Lula e de Dilma Rousseff, con palabras de Leonardo Boff, conseguindo "os projetos sociais que tirararam 36 milhôes de pessoas da fome e permitiran construir moradias dignas com os projetos "Minha Casa-Minha Vida" e "Luz para todos", "Mundo sem pobreza, Brasil sem miseria".

"Mais o governo de Bolsonaro -sigue dicindo Boff- desmantelou estes projetos, e o Brasil que havia saido do mapa da fome, retornou, segundo a FAO, ao mapa da fome". Quere facer da Amazonía ao seu antollo o negocio do grande capital, e pola súa iñorancia facilitar a destrución do máis grande pulmón do planeta Terra. O seu compoprtamento no tocante ao virus do Covid foi letal, supuxo un manifesto subscrito por moitas persoalidades e xente responsábel: "El é negacionista, está en contra de todas as vacinas e favorece a difusión do virus sin mascaras en multitudes. É verdadeiramente un psicópata". Din que o número de vítimas do Covid foron máis de 700 mil.

Esta é a perspectiva de Frei Betto, que estivera con Lula na traballo de acabar coa fame no Brasil e tamén na súa dimisión posterior por non estar de acordo coa súa política económica. Mais, o día 28 de setembro, di en "Memoria revista de crítica militante", "A nosa esperanza é a elección de Lula. Esperamos que el poida cambiar a situación e desa maneira Brasil poida rescatar a súa precaria democracia actual".
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES