Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cantar dos ríos da montaña

viernes, 14 de noviembre de 2008
(O Temple, Pedrafita do Cebreiro)

Ó longo destes eidos,
ó ancho destes predios;
do alto destes cumes,
no verde verdesío
do limpo destes limpos,
a auga nace pura
brotando con mornura.
Nas pedras soñadoras,
alegre grola a auga
na Montaña señora.

Remansan nas valgadas
impando por momentos
o encheren por obriga
encoros de cemento.
Mollada en bágoas toda
cando anegan aldeas
e herdades sen dereitos.
Por iso chora a auga
e os ríos nun lamento.
O Lor, por Augas Mestas,
O Navia polos vales,
o Curro porque sabe,
o Ameneiro porque dá
galante o seu caudal.
Alasan e desfanse,
en tal desesperanza,
que cando cantan, braman,
marmuriños de alma.
Remuíñanse en rodeiras,
redondiñas e lenes,
queren voltar ó cerne
das terras nacedeiras.
Un, pérdese en dous cabos;
o outro, no Sil bravo.
Non hai quen os aquede
dos seus prantos calados.

Como se lembran eles
de tantas marabillas:
Do Temple, Busnullán,
da Mota e Teixoeiras;
de Vilarín do Monte,
do Sisto e Rabaceira;
de Sabugos, Modreiro;
de Fonlor, das Trabazas,
de Vilanova e Brañas;
de Vilasol, do sol,
e de Veiga de Forcas.
Do albar de Riocereixa
e da Fontefermosa.

Acordanse do Lóuzaro
e do Río Pequeño.
Acordanse dos nenos
e dos muíños de enredo
de sabugueiros feitos.
Acordanse das rodas
da albeira pedra fina.
Acordan de Brimbeira,
lembran Val de Fariñas.

Suspiran por Liñares,
por Lagúa das Tablas,
Fonfría e Penaseara;
por Louzarela e Foxos,
pola Veiga de Brañas.
Por Pacios e por Seixo,
pola Penacerveira;
por Santín e Zanfoga,
Lousada, da louseira.
Coa Chán da Pena soñan,
ó Acibo, pensamentos,
a Santalla relembros,
a Lago cen ampeos,
á de Porfía acenos.

Pensan en Vilaverde,
Casares, Fonteboa,
Rubiás e Pedrafita;
Fontevedra, Conterces,
Celeiró e Moeda,
Barxamaior, Fonteferreira,
San Antón e O Cebreiro.
Cantan a Pallarvello,
Hospital e a San Pedro.

Laileándo baixan augas
dos ríos destes eidos,
chorando polo adentro
desmíganse desfeitos
en dous mares abertos.

Non hai quen dé consolo
ós ríos da montaña.
Derramados nos mares,
fundidos no salgado.
¡Como choran os ríos
no seu bercel amargo!
¡Como choran seu fin
tan lonxe das entrañas!.

¡Como choran os ríos
no seu bercel amargo!
Como choran, queridos,
miuzados en lágrimas.
¡Como choran os ríos
no grande leito de algas!
¡Que pranto, que grande dor!.
¡Soños desbaratados,
salgados no salgado!

¡Como choran os ríos
tan lonxe das entrañas!
¡Como claman as augas
por subir á Montaña!

Nostalxian ás aldeas,
evocan os tellados,
ás casas e ós labrados,
ás quenllas e ós prados.
Ós nenos que enredaron,
ós vellos que cantaron.
Ás roupas que lavaron,
ás sedes que aplacaron;
ó liño que abrazaron.
Ás mans das lavandeiras,
ós contos que contaban,
ás cantigas leileiras
de sons que namoraban.
Ós muíños rodadores
de músicas perdidas,
ás noites muiñadas;
ás historias bonitas.

Os ríos da montaña,
chegados ó crepúsculo,
quixeran revoltarse,
subir polas ladeiras
e fundirse coa terra.
Bater co seu latexo
e dár co rexo músculo
no cobixo da pedra;
nas fontes brincadeiras:
No Temple, en Busnullán,
en Fonlor, soterrados,
no máis fondo fondal.
¡No corazón da serra!
¡Nos cumes destes verdes!
¡No limpo desta terra!
¡Nun mar de cogumelos!
¡No nídio destes ceos!
¡No abrir do Padornelo!.

¡Como choran, salgados,
no seu bercel amargo!

E novas augas nacen,
xubilosas e ledas,
birtando polas abas
destas terras inmensas.
E fan cantar ós ríos
nos seus berces pequenos
¡Como cantan, bonito,
pola serra senera!
¡Como cantan, belido,
na Montaña señora!
¡Como cantan os ríos
nas súas fonteboas!
¡Como cantan, fermoso,
nos seixos das engrobas!
¡Como cantan os ríos,
na Montaña señora!

Por moitos, que se vexan,
por moitos, que se miren,
ningún coma estes ríos,
coas augas destas augas,
¡das terras desta terra!.

¡Como cantan, belidos,
na Montaña señora!
¡Como cantan, que lindo,
na Montaña do limpo!
¡Como cantan, contentos,
na inocencia dun mundo!
¡Como cantan, airosos,
na flor dun leito puro!

Xesús Mato levoume á súa montaña. Quedei perdido nela, das cores, das xentes, da vida; da súa vigoría. Se eu algún día non aparecese será que estou alí, na montaña: en Busnullán, en Vilarín do Monte, Teixoeiras, Louzarela, ou enredado nunha maraña de pensamentos xunto ós dous casares da aldea de Vilaverde, ou tamén, poidera ser, que quedara soñando onde nace un dos ríos, alí, nas abas que se descolgan ata o circunferencial val do Connavia.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES