Saber buscar recursos
Santalla, Iago - miércoles, 26 de octubre de 2022
Moitas veces pensei e reflexionei sobre se a miña formación e educación fora a axeitada ou coxeaba dalgún pé. Esta reflexión sempre parte da idea de atopar o punto feble e poñerlle remedio. Con este obxectivo tamén observo ao meu redor para detectar posibles carencias persoais ou colectivas.
O caso é que, dun tempo a esta parte, reparo en persoas que necesitan un recurso determinado, establecido e consolidado e non o piden por unha mestura de ignorancia, vergoña e descoñecemento. Para certas franxas de idade recorrer aos servizos sociais é visto como unha vergoña e non como un dereito que, baseándose nunha avaliación, nos proporcionan un recurso para seguir desenvolvendo a nosa vida.
Esta situación lévanos tanto ao descoñecemento da carteira de servizos como á infrautilización dos mesmos. Ante isto é necesario educar no coñecemento dos propios dereitos que se fan efectivos nos recursos dispoñibles. Todo o conseguido foi a base de loitas, nada foi regalado, o Estado reaccionoua demanda, nunca foi proactivo na satisfacción das necesidades. Gañar un dereito é unha loita interxeracional, perdelo é un telexornal e varios faladoiros.
Con estes vimbios cómpre educar para utilizar os dereitos aos que os recursos lles dan efectividade práctica. O público é construído pola cidadanía para a cidadanía e ten o gran reto de xerar benestar a partir do dereito e non da dádiva. Defender o público é, pois, defender a liberdade pero é preciso educar para o público e para a liberdade, de tal xeito que as partidas sociais sexan vistas como inversión e non como gasto; ao igual que esas estradas que nunca dan beneficio económico senón gasto e loxicamente asumímolo a prol da vertebración territorial e da seguridade vial. Pois o social é o mesmo: na medida que eduquemos para procurar e aproveitar eses recursos, teremos unha carteira de recursos eficaz e eficiente.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora