Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xaquín Marín, para peques e maiores

jueves, 20 de octubre de 2022
Xaquín Marín é enorme, semella un Polifemo coa mirada extraviada, pero non asusta. Todo o contrario. El é un autor que escribiu para crianzas álbumse libros ilustrados como Dragón Rock (Casals, 1999), Malfeito bufón (Casals, 2003) e Tartaruga (Baía, 2007). Ilustrou os libros doutros, como Memorias dun neno labrego, A marela tarabela, O espantallo amigo, Os soños na gaiola, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, O bigote de Mimí, A rúa do Xaquín Marín, para peques e maioresvento ceibe, O ladrón de ar, Cata das illas bailarinas, Cepillo e outros contos, O paporrubio que tiña sede, O peixe de pedra, A oca de Leonardo, e O traxe novo do emperador. Fixo banda deseñada e humor gráfico para rapazada como Gaspariño, Gaspariño 2 e Tonecho.

Fronte a esta mirada chea de tenrura mantén aquela outra, que non deixa de ser doce pero está cargada de crítica social. A que dirixe aos adultos é unha obra que comezou no mundo da pintura, pois o seu primeiro empeño é facer arte. Cando decide que esa arte se divulgue, popularice e chegue a todos, entra na banda deseñada. Faino con Raimundo Patiño (ese creador infindo de múltiples ideas), con el asina o primeiro cómic galego, 2 viaxes, en 1975, tomando un camiño que o leva en 1977 a Ratas, unha das historias máis fortes e profundas que nos entregou o cómic. E rematou no humor gráfico, nese artigo de opinión que se debuxa. Moitos dos seus libros atenden a este último apartado aínda que tamén atopamos varios onde se unen as historietas e as viñetas. Alcacén para gaitas, Dos pés á testa, Conta atrás, Cen pés, Feito á man, Trinta e tantos con Xaquín Marín, Cen + cen pés, O lecer de Isolino, As dúas viaxes de Xaquín Marín, Que tempos!...

O compromiso social e político é a marca da casa, dende o primeiro cómic ata a última viñeta de humor.

Hai un tempo falando cunha desas profesoras de galego que realmente o son, coordinadora de clubs de lectura e asentada na cultura do país, aseguraba que se As ratas aparecese agora en castelán asinada por alguén descoñecido andaría todo o mundo falando marabillas desa novela gráfica. Publicada en 1977 e asinada por Xaquín Marín semella perder o interese neste país de ratiños alienados.

Neste momento, no Museo do Humor de Fene está aberta ao público a magnífica exposición antolóxica de Xaquín Marín, Volta á orixe, un repaso pola súa pintura, banda deseñada e humor gráfico. Así explica Marín o título "Dixo Rainer María Rilke que a verdadeira patria dun home é a súa infancia. A miña infancia foi en Fene, na fonte do Campo, nos terreos nos que se levanta este edificio, aí mesmo, desde onde les isto. Aquí xoguei, aquí aprendín boa parte do pouco que sei. Aquí fixen os meus primeiros debuxos, aquí bebín da fonte. É tempo da volta á orixe". A exposición, comisariada por Alexandre Marín, está moi ben organizada, separando cada unha das facetas e achegando desde imaxes no chan polo que nos van guiando ata diferentes tótems ou bonecos que nos van sorprendendo; é, polo tanto unha exposición a non perder, nos diferentes espazos e andares, para mirar dende arriba e ver no fondo ese mapa de Galicia, coma un pozo profundo, polo que se asoma alguén para ver se fica algún galego aí no fondo.

Debo confesar que algunha das súas pinturas me impresionaron, especialmente unha que podería lembrar a Genovés polo punto de vista e o grupo representado: a disolución dunha manifestación distinguindo a vista de paxaro aos manifestantes dos uniformados.

Un texto do autor presenta aos personaxes: "En máis de 50 anos debuxando, fixen unha chea de personaxes: desde Gaspariño ata Isolino, pasando por Lixandre, Caitano, Tonecho, o dragón trick, os esmagados polos pés, o capitán Zelta, a tartaruga, Coio, o can palleiro... gustaríame dicir que hai un pouco de min en todos eles pero... como vai haber algo de min en don Augusto!"

Nun dos carteis dise que a "súa traxectoria profesionalfai deste debuxante de humor un referente indispensable para percibir e entender a Galicia actual".

Ao ar libre, a carón do pavillón da Xunqueira, en San Valentín, tamén está instalada a exposición de Isolino en grandes cubos, para solaz dos paseantes. Fene está a devolverlle a este artista algo do que el fixo pola vila, polo Museo do Humor e por Galicia. Non é sen tempo!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES