Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compás Social: Alternativas ó minifundio

jueves, 13 de noviembre de 2008
A pesar do relativo éxito das transformacións ocorridas no agro galego durante os últimos corenta anos, os campesiños galegos encontráronse con xigantescos atrancos case insuperables. Un destes obstáculos permanentes foi, en boa parte segue sendo, o minifundio de parcelas, de explotacións e de organizacións laborais e comerciais do medio rural. Os labregos, pouco a pouco reconvertidos en gandeiros que producen para o mercado, necesitaron con urxencia mais predios e de maior tamaño para poder manexar a maquinaria agrícola e conseguir maior cantidade de forraxes para o gando. Esas xeracións de campesiños adaptáronse activamente a ese enorme reto do pluriminifundio buscando algunhas solucións puntuais que, sen ser definitivas, cando menos amainaron as dificultades e melloraron a produtividade e condicións de traballo do campesiñado.

As estratexias dos labregos reconvertidos en gandeiros
Os labregos-gandeiros, facendo virtude da necesidade, foron espallando as permutas, os alugamentos, as compravendas. As permutas, pese os posibles receos herdados do pasado, foron acordos imprescindibles cos veciños mais próximos para ampliar o espazo dispoñible xunto a casa familiar; e así mesmo por este procedemento lograron xuntar moitas leiras con enclaves alleos interpostos. Os alugamentos, verbais ou formalizados, serviron de saída a propiedade dos emigrantes ausentes, o que supuxo unha considerable ampliación da superficie produtiva de moitas explotacións; e agora é aínda a canle cada vez mais utilizada, especialmente nos casos de peche anticipado de explotacións gandeiras. A compravenda de terras foi, segue sendo, un mecanismo mais escaso e lento, agás nos casos de liquidación de herdanzas entre irmáns. “O que vende acaba”, di unha máxima da veciñanza rural. En resumo, A pesar de ser remedios de curto alcance que resolveron necesidades puntuais, estas tácticas campesiñas, se son incentivadas de modo axeitado, poden converterse en alternativas de maior calado.

Proxectos e actuacións das administracións fronte ao minifundio
E mentres tanto, ¿que fixeron os sucesivos organismos das administracións públicas para afrontar o problema do minifundio? O balance non é moi optimista. En teoría, dende os tempos do franquismo ata agora, fóronse artellando diversos instrumentos para superar o minifundio: zonas de colonización agraria, concentración parcelaria, promoción de cooperativas de explotación da terra en común, sociedades agrarias de transformación e ultimamente o Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL).

As zonas de colonización agraria do franquismo non pasaron de ser en Galicia unha actuación testemuñal.

A historia da concentración parcelaria, con uns cincuenta anos de percorrido, en Galicia estivo cargada de polémicas entre os actores e grupos sociais. Aquí só recollemos o resultado final dese medio século de actuacións. Curiosamente, sendo a concentración parcelaria unha actuación de tanta envergadura e transcendencia, hai poucos estudos completos e críticos, agás das memorias e resumos dos expertos e funcionarios directamente implicados nela. Unha reducida escolma de datos pode darnos unha sinxela idea do proceso real: o primeiro censo agrario de 1962 contabilizou 9,5 millóns de parcelas para 433 mil explotacións, que sumaban 2,4 millóns de hectáreas de superficie agraria para toda Galicia. Trinta e sete anos despois, no censo de 1999, eses datos minguaron hasta 4,7 millóns de parcelas, 269 mil explotacións con 2 millóns de hectáreas en total. Noutras palabras, o número de parcelas baixou un 50%, froito de tódalas actuacións concentradoras tanto particulares como das administracións públicas; as explotacións decreceron un 38% e a súa superficie agraria total diminuíu un 16%. Nos balances publicados sobre concentración parcelaria en Galicia atopamos estas cifras globais: dende 1954 a 1999 estaba rematada, en 710 zonas rurais, a concentración parcelaria de 332.589 hectáreas, operando sobre 3,5 millóns de parcelas propiedade de 300 mil campesiños.

Conclusión final: en medio século concentrouse só un 15% da superficie total agraria de Galicia. Por que, en tantos anos, non se avanzou mais? Porque, segundo conclúen algúns análises de expertos, a concentración parcelaria é un procedemento complexo e caro, excesivamente lento e prolongado no tempo, con graves erros ambientais e desfasamentos acumulados; e, por todo iso, de dubidosa rendibilidade, polo menos a curto prazo.

A pesar de tódolos vaivéns ideolóxicos e dificultades prácticas, a concentración parcelaria é percibida polos campesiños mais novos como punto de partida necesario para calquera solución equitativa, chave para acabar co labirinto minifundista e abrir posibilidades a tódolos propietarios residentes e ausentes. Os mozos gandeiros, ao experimentar o resultado dalgúns montes propios concentrados, agora convertidos en praderías, e observar o pulo doutras zonas concentradas, conclúen que a concentración parcelaria segue sendo hoxe condición necesaria aínda que insuficiente, pois requírese unhas explotacións e organizacións agrogandeiras de maior tamaño para ser rendibles nun mercado cada vez mais competitivo e esixente. Esa segunda fase viría mais facilmente pouco despois.

Experiencias particulares promovidas e apoiadas polos organismos públicos
No ano 2000 había en Galicia 82 cooperativas de explotación en común da terra. Son experiencias moi interesantes e importantes, que superaron as dificultades da concentración parcelaria con moito menos custo. Pero non se desenvolveron ao ritmo desexable, senón que se constata un certa lentitude. A razón desta parsimonia pode atoparse no retraemento da mentalidade tradicional, -que soñaba coa autarquía familiar-, e na insuficiente publicidade dos éxitos consolidados.

As Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) son outro intento imaxinativo para superar o minifundio de explotacións, aínda que persista o labirinto de parcelas que mingua a eficacia do traballo; pero ademais enfróntanse con unha complexa e potente burocracia que para calquera axuda esixe infinidade de papeis innecesariamente redundantes e custosos. Coñezo algún caso que leva mais dun ano de papelexo, sen meta a vista, e coa conseguinte perda de ilusión dos mozos embarcados nesa aventura. Algunhas SAT, ademais de resolver os dificultades descritas, buscan tamén una nova organización laboral que, a semellanza doutros sectores da economía, adxudique a cada membro o seu tempo de traballo, de descanso e de ocio. Esta é unha xusta aspiración para igualar as condicións de vida do medio rural coas do mundo urbano. Sen esa equiparación non será atractiva a profesión de gandeiro para a xuventude rural.

Desde maio/2007 está en marcha a Lei do Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL) que xa creou boa parte das ferramentas previstas: Comisión de Prezos, relación de prezos por hectárea, ano e tipo de terreo nos concellos declarados de especial interese agrario, ofertas e demandas de predios para alugar, etc. Sería precipitado axuizar esta Lei, pero podemos adiantar algunha consideración provisional: mediar no alugamento de leiras, ofrecendo determinadas garantías, sen dúbida pode axudar a mobilidade da terra e a conseguir unha maior dimensión de moitas explotacións que sexan viables; pero a chave do éxito estará nas expectativas e garantías percibidas polo campesiñado, a vista dos prezos establecidos e da plena liberdade de escoller calquera outra alternativa. Basicamente é unha cuestión de confianza.

Cal podería ser a avaliación final das alternativas ó minifundio? Todas as solucións ensaiadas tiveron efectos positivos e aínda poden conseguir mellores resultados. Non son experiencias excluíntes, polo que todas elas deben ser promovidas, axustándose as necesidades de cada situación e a capacidade de cada actor social implicado. Pero todo isto require unha vontade política proporcional os problemas reais do medio rural.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES