Serás verdade, liberdade?
Santalla, Iago - miércoles, 12 de octubre de 2022
"¿Cando serás verdade, ouh Liberdade...?" Preguntábase Manuel María en 1974 no remate dun fermoso poema. A pregunta, daquela, era lóxica e fican definidos ao longo do poema non só os sinónimos de liberdade senón tamén as actitudes castradoras da mesma.
Pois ben, despois de tantos anos de democracia, a historia sitúanos ante diversas formas do paradoxo da tolerancia. Este paradoxo é quizais o máis complexo porque pregúntanos se a liberdade está por riba do sentimento subxectivo de ofensa ou viceversa. Nesas estamos, nesas seguimos e nesas cada pouco tempo xorde unha polémica...
Para min a clave segue sendo a educación: facer ver o que hai detrás de cada feito, de cada discurso, de cada corrente ideolóxica. Ás palabras séguenlles os feitos e ultimamente abundan moito as palestras destrutoras, esmagadoras, borradoras, déspotas, fanáticas, intolerantes e ignorantes. Palestras de exclusión que, amparándose na liberdade, limítana a unha cela porque o odio nega ao ser humano e castra a diversidade. Sen respecto e diversidade a democracia está coxa e a liberdade é teledirixida.
Pois ben creo que a liberdade que nos deixou escrita o Manuel implica tecer un escudo colectivo que nos arrede do odio que quere que non sexamos e, dende ese escudo, defendela con uñas e dentes...

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora