Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bibliotecas, o tesouro escondido

viernes, 07 de octubre de 2022
E democrático, porque todos os usuarios reciben trato igualitario. E gratuíto, porque non se paga polo acceso.

A rede de bibliotecas públicas éche un ecosistema de cultura, de educación que eleva o nivel da sociedade. Onde non hai credos nin imperan dogmas. Onde habita a diversidade de coñecementos, a multiplicidadde de ideas. Un tesouro que convén conservar porque garda a nosa memoria.

As bibliotecas potencian o benestar da cidadanía. Conservan e difunden dereitos fundamentais e as grandes ideas da liberdade, da igualdade, da fraternidade dunha cultura que aleita. As ringleiras de libros son vieiros da nosa historia. Nas salas, nas luces e no silencio habita a dúbida razoable. A que permite descubrir a ver-dade e desvela as mentiras, tan abondosas hoxe.

Ao longo da historia os ataques con lume, con bombas contra as bibliotecas, tantas veces certeiros e inten-cionados, comprometen gravemente a identidade cultural. Destruír unha biblioteca é atentar contra o corazón que bombea cultura e valores en pobos, vilas e cidades.

Cómo concibir unha sociedade culta e moderna sen bibliotecas? Son imprescindibles para a educación. Combustible necesario para os procesos creativos que recrean o pasado, que viven no presente, que preparan o futuro.

Son caras. Son infinitamente máis baratas que os amargos froitos da ignorancia. Velaí a brutalidade dos que renegan da razón e baixan ao terreo animal das mandas e dos instintos. Por iso resulta curioso que nas crises a primeira vítima sexa a cultura. E sen embargo, a conservación do coñecemento ten un papel fundamental: ningunha sociedade civilizada pode prescindir das bibliotecas.

Rexistros das crises políticas e económicas, de pragas e pandemias, do clima, permiten enfrontar os retos dun planeta en perigo. Todos eses rexistros están na memoria das bibliotecas que gardan unha infinita diversidade de ideas e coñecementos.

As bibliotecas axudan a nos comprender. A ver as creacións e innovacións ao longo da historia. A contemplar nos camiños humanos a riqueza feita de músicas, artes, do inmenso caudal da literatura. Esta urdida de libros e diversidade de ideas acostuma ser vista como perigosa por demagogos e tiranos que buscan silenciar opinións diferentes. Moitas veces trataron de apagar con lume a sinfonía de voces que hai en cada biblioteca. Aínda que molesten ao poder, gardan o que nos fai mellores.

Tesouros de cultura e silencio. Teatros de ideas e benestar. Recunchos necesarios para buscar humildemente a verdade cando berra tan alto a mentira. Cofres abertos que gardan a identidade cultural e histórica. Templos do saber que abominan dos dogmas apostando pola diversidade de coñecementos e a riqueza das ideas.

Son o noso tesouriño. Gratuíto, democrático e aberto. Bibliotecas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES