Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha triloxía sobre o rural e a gandeiría

jueves, 13 de octubre de 2022
Xa o dixo Manuel Rivas, ese intérprete de Galicia dende as voces baixas e máis alá da antropoloxía. Si, dixo que este era un país de vacas, dun millón de vacas que, daquela, pastaban polos prados. A vaca vén sendo o animal totémico desta terra, tranquilo, sen dar un muxido máis alto ca outro, moendo e remoendo mentres deixa que o verde lle entre polos ollos e a boca. A imaxe da mansedume. Tal vez nos lembre algo...

Acordámonos da vaca porque estamos ante o terceiro libro dunha triloxía sobre o rural, coa gandería en primeiro termo. Vai un pouco desordenada, porque as tres xeracións que retrata comezan no primeiro (As rapazas de Xan), salta á terceira (Que non te aten, seguramente na busca dese tema tan de actualidade como a violencia de xénero) e continúa, agora con Os soños de Miguel.
Unha triloxía sobre o rural e a gandeiría
Semellaba que o ambiente rural na novela galega estaba superado, Suso de Toro reivindicou, no seu momento, a necesidade de facerlle sitio ao urbano e o agro foi ocupando pequenas gretas que quedaban nas aforasdo imaxinario, ese mundo que ocupa unha parte da nosa realidade. Por iso, eu agradezo ao seu autor, Manuel Iglesias, que volvera os ollos a un universo que é o seu.

Grazas a iso, len -e fano en galego- un grupo de persoas que ficaban lonxe de facelo. Len estas novelas (e agardamos que destas pasen a outras, especialmente aos clásicos da nosa literatura, que nunca os van defraudar) porque nelas se retrata o que coñecen, dándolle visos de cultura. Nunha das presentacións do libro anterior, unha moza de Mesía, confesou que por fin se atopara entre as letras e puidera unir as vivencias da súa casa coas do seu cotián universitarioen Santiago, onde ninguén entendía a súa experiencia na explotación dunha granxa, na aldea.

O autor é da Baña, da aldea de Cabanas, e aí sitúa os tres libros. Trátase de recobrar a tribo, de permanecer -aínda cando xa non estamos- no lugar. Un mesmo espazo e tres tempos distintos: a posguerra dos cincuenta na que eran mozos os pais, os setenta coa transformación do agro e da política española e o cambio de século.

A obra que aparece agora e que se corresponde co segundo tempo narra a transformación do agro, ese momento no que realizada a concentración parcelaria, determinadas familias comezan a mecanizar o traballo, especializarse en gandería de leite dando paso a unha profesión onde antes permanecía a economía de subsistencia e case autoabastecemento. Ese cambio non é gratuíto, haberá que rachar estruturas, enfrontar aos máis vellos que exercían de pais (neste caso avós) - patróns.

Nesta novela hai unha atmosfera de naturalismo, unha violencia relacionada cos tempos da memoria histórica e os seus restos e rastros pero tamén coa crueldade dos naturais e da rapazada (como mostra máis evidente); vese claramente no trato que lle dan ao que ten unha diversidade funcional. Tamén aparece o paso da aldea á vila, ese cambio que se vai mostrar nas modas, roupas e costumes, na lingua e as relacións. Esas mudanzas que tocan todas as teclas, ata o punto de que xa non valen os nomes que antes lles daban ás vacas. Recollo un fragmento significativo: "O rapaz quíxoas bautizar tan pronto entraron na corte: Moura, Gallarda, Xovenca" pero o irmán corríxeo "Diso nada, que eses son nomes para vacas do carro. Marquesa, Blanca e Paloma". As vacas de raza, as que non traballan senón que están destinadas unicamente a producir leite, son máis señoritas.

O concello pon en marcha un roteiro literario seguindo os pasos da narrativa, os veciños séntense parte da trama, non sei se organizan clubs de lectura para remoer o texto pero deberían porque a palabra oral acompaña moi ben á escrita, porque opinar sobre o que lemos, o que nos gusta máis e o que menos, a onde nos leva o que alí aparece escrito, con que outras lecturas ou realidades o relacionamos... son chanzos polos que subimos a esa atalaia que é a cultura de noso.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES