Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (28)

viernes, 07 de octubre de 2022
A Confraría secreta dos Valuros segundo Mato Vizoso

A confraría é unha irmandade ou gremio que agrupa a un certo número de persoas que teñen un interese común e nas que os confrades se agrupan cuns obxectivos concretos, xa sexa para defenderse ou xa sexa para axudarse mutuamente aínda que o máis normal sexan as dúas cousas.

Na Idade Media agrupábanse as persoas por oficios e pola situación na que se atopaban segundo fosen os coñecementos que tivesen, de aprendiz ou de oficial, acadando o grao de mestre cando o oficial era capaz de realizar no seu oficio unha obra perfecta ou mestra, da que lle vén o nome a este terceiro grao de aprendizaxe.
A misteriosa e incógnita Valura (28)

Estas irmandades tiñan un santo ou unha santa patroa que celebraban anualmente, tendo un labor solidario entre os seus membros; para isto, realizaban achegas periódicas de diñeiro que era administrado polos mordomos.

É a partir do século XVIII cando as confrarías adquiren un sentido unicamente relixioso. Estas estaban organizadas baixo a dirección dun mordomo que se elixía anualmente entre os seus membros. Este mordomo levaba un libro de contas no que se recollían os ingresos e os gastos, xeralmente baixo a supervisión do cura.

As confrarías celebraban na nosa Galiza a festividade do santo ou santa en cada parroquia que tiña o seu respectivo patrón ou patroa, era a encargada da misa, da procesión e mais do banquete. Todo isto foi o que deu lugar ás comisións de festas nas que os ramistas ou romeiros ían pedindo porta por porta a todos os veciños ou confrades unha axuda, non a que o veciño quixese, senón a que os ramistas coidasen, sempre tendo en conta a posición econónica do veciño, o que ás veces traía moitas controversias.

Os donativos apuntábanse nun libro de rexistro no que aparecían as cotas dos veciños, aínda que as veces chegaban a pedir tamén ás xentes doutras parroquias, e estas achegas non sempre aparecían no libro de ingresos.

Pois ben, os Valuros tiñan confrarías secretas, polo que parece, tal e como se desprende do seguinte texto dun manuscrito inédito de Manuel Mato Vizoso, cuxo título é Colección de algunas noticias y tradiciones, referentes al Partido de Villalba e que agora transcribimos:

Había algunos en las parroquias de Momán, Roás y Muimenta (todas en Cospeito) que hacían viajes explotando la credulidad de las personas rústicas, y a esto decían "ir a la Valura", y cuando alguno iba en estas excursiones decían, "vay na Valura". Salían por el verano dos o tres meses, montados en buenas y enjaezadas caballerías y parece que simulaban una especie de cofradía a la que aparecían suscritos los que daban las limosnas cada año. En el país de su domicilio guardaban mucho secreto acerca de su manera de proceder en las excursiones que hacían".

Chámanos moito a atención este texto de Mato Vizoso debido ao feito de que o que isto escribe pertence a unha desas parroquias que o autor cita e xamais dos "xamases" ouviu cousa tal. O que me parece improbable é que, en caso de ser certo, ninguén saiba nada deste asunto que Mato Vizoso explicita con tanta claridade.

En primeiro lugar fala de que "había algunos" nesas tres parroquias, o que vén a demostrar que os Valuros bos que non se dedican a isto son a maioría. Tan só "algunos" eran explotadores, como tamén os hai noutros lugares, e eses poucos son denominados polo nome de todos os demais, sendo isto unha afrenta para a maioría que vive do seu traballo e dos seus quefaceres.

En segundo lugar, se pedían para unha confraría,coidamos que tan só o puideron facer a partir de mediados do século XVII e de todo o século XVIII, que é cando nacen as confrarías relixiosas, e sería tamén a partir deste século cando o nome de Valuro comeza a desprestixiarse e a poñerlles aos Valuros o sambenito de esmoleiros.

O feito de pedir para os santos ou para as once mil virxes é o mesmo que fan o resto de esmoleiros, debido a que cada un pide para o que lle parece que así poida recibir máis esmola. A cerna desta cuestión é que os tales Valuros pedían para o que a Igrexa tiña regrado como acto de petición, pois, facelo para as "once mil virxes" supoñía, pensamos, que unha afronta para os relixiosos.

En terceiro lugar dinos que facían viaxes explotanto "la credulidad de las personas rústicas". Paréceme a min que os mesmos Valuros, e segundo se desprende do texto, eran tamén persoas rústicas porque traballaban nas parroquias o mesmo que os demais labregos, e en dous ou tres meses de verán cambiaban o arado e o garancho pola égua coa que ían pedir.

En cuarto lugar, se ir de esmoleira se chamaba "ir á Valura", quere isto dicir que os que daban esmolas eran os mesmos Valuros, habitantes da Valura; é dicir, a xente propia da mesma terra ou da mesma tribo, e dentro da tribo cabe a posibilidade do engano ao dicir que formaban parte dunha confraría para a que había que dar. Penso que nisto debía consistir a estafa, porque a fraude ou timo tiña que ser ben pequeno e xamais se nos di que matasen ás xentes, senón que algúnas enganaban aos máis parvos, pero isto facíano tamén todas as institucións político-relixiosas e xentes que ostentaban o poder.

Por último, fálanos do "mucho secreto" co que actuaban os do "país" no que estaban domiciliados. Moi curioso é o feito de que ninguén saiba nada destas actuacións sendo o "país" no que pedían a mesma Valuria. Desde logo debían ser xentes moi listas porque librarse das autoridades policiais e das autoridades relixiosas, supón moita agudeza e habelencia, cando o mesmo Murguía nolo expón no seguinte texto:

Lo que nos ha llamado la atención, es que a pesar de que la Inquisición de Santiago procesó a multitud de brujas, no hemos hallado noticia de que un solo Baluro fuese encausado por el Santo Oficio.

Salve Valuria!

NOTAS:
MATO VIZOSO, Manuel.- Colección de algunas noticias y tradiciones, referentes al Partido de Villalba (manuscrito inédito). Arquivo da R.A.G. (Galiciana)
MURGUÍA, Manuel.- Galicia. Páx 42- Galiciana.

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES