Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premios á publicidade en galego

viernes, 30 de septiembre de 2022
A estas alturas do tempo as grandes marcas comerciais xa teñen preparadas as campañas publicitarias para emitiren nas festas do nadal. As canles de televisión e a prensa escrita serán os espazos máis recorrentes. Coma acontece todos os anos, os anuncios que máis se farán ver serán os das marcas de colonias e perfumes francesas con deseños engaiolantes, completadas con frases curtas e audiosen francés.

É de supoñer que aquí, en Galicia, os creativos das axencias de publicidade xa teñan tamén elaboradas as súas, pero en castelán as máis delas. Como se non lles importase saber que oito de cada dez galegos opinan que a lingua galega é perfectamente válida para tales mensaxes.

Un estudo xa vello sobre o prestixio, confianza e publicidade en galego, recolle as opinións favorables dos consumidores que poden transmitir produtos anunciados no noso idioma. Os resultados son moi clarexadores: máis do 90% da poboación está en desacordo con que os produtos anunciados en galego non merezan confianza e con que esta lingua non sexa apropiada para os reclamos publicitarios; é dicir, só un 10% considera que o galego prexudicaría os intereses das marcas. Pouca xente é.

O 81,7%, afirma poder ler sen ningunha dificultade un escaparate escrito en galego. Isto é así porque a inmensa maioría dos consumidores estudaron a lingua galega no período de formación escolar. Élles unha lingua común por coñecemento e por formar parte dunha sociedade onde o noso idioma é maioritario en certos usos sociais, nomeadamente no familiar.O rexeitamento que poida haber non é por descoñecemento, é por razóns de índole ideolóxica que intentan transmitir o desafecto a un patrimonio cultural que goza aínda dunha forte vitalidade.

Que aínda haxa empresarios que teñan prexuizos lingüísticos, sabémolo; están integrados nese grupo social que promoven o conflito cultural. O que cómpre coñecer é se os profesionais que se forman nas aulas das universidades galegas destinados a formaren parte de gabinetes de asesoramento e estratexias de comunicación saen coa debida formación respecto dos comportamentos lingüísticos dos consumidores, para introducir modificacións nos ciclos formativos.Todo indica que están instalados no descoñecemento e presos de complexos tóxicos. Con esas actitudes intelectuais pouca credibilidade teñen. Pouco teñen aprendido das exitosas campañas publicitarias construidas con mensaxes de considerable impacto social.

Por outra banda, reforzando a tese da utilidade da lingua galega, están as campañas publicitarias promovidas polas institucións públicas. As da Xunta de Galicia e outras institucións públicas desautorizan a empresas e creativos que seguen instalados no pensamento equivocado de atribuirlle ao castelán vantaxes que non ten o galego. O exemplo continuado no tempo dunha entidade bancaría ben coñecida que adoita publicitar os seus servizos en lingua galega é para ter en conta.

O próximo día 3 celebrarase o acto de entrega dos premios de publicidade en galego convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Foro E. Peinador e o Parlamento de Galicia, que nesta ocasión recoñece a empresas que anuncian os seus servizos e produtos no noso idioma a través dos xornais, radios e televisión, redes sociais e soportes estáticos.

Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania