Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ferramentas cognitivas

viernes, 30 de septiembre de 2022
Terminábamos o último artigo publicado neste medio coa promesa de ofrecerlles este, que fai referencia aos instrumentos ideados polo ser humano para ampliar a extensión do seu coñecemento da realidade. Así formulado explicitamente como unha loita para romper o noso peche cognitivo mediante a complementariedade dos instrumentos ou ferramentas que nos vai facilitando a tecnoloxía.

Dicíamos nese artigo que as matemáticas, por exemplo, permitíannos facernos con conceptos que a nosa mente, por si sola, non era capaz de captalos, e o mesmo ocorre coa luz ultravioleta, as ondas ultrasón, as gravitacionais, etc., que non detectan por si solos os nosos sentidos; pero todo isto lógrase mediante esas ferramentas tecnicamente adecuadas. Polo tanto, utilizándoas en función cognitiva podemos romper o límite do coñecemento; pero ata onde nos é posible utilizar estes complementos non o sabemos.

Efectivamente, non o sabemos. Sabemos que con eles facilitamos o progreso. E podemos tamén saber, con fundamento no que a ciencia e a tecnoloxía nos vai ofrecendo, que tamén, facendo mal uso dos resultados que se obteñen por este procedemento, vamos enfilados a terribles catástrofes. Pois ben; neste artigo apuntamos algo a este respecto por se interesa reflexionalo aos lectores.

En primeiro lugar, consideremos os temores que está espertando na guerra entre Ucranía e Rusia a posibilidade de que se lle crucen os cables os que teñen o poder de utilizar os armamentos e intenten facer uso da enerxía atómica, a cuxo manexo chegouse mediante ferramentas cognitivas: un progreso que pode devir en acción regresiva. Sei que o exemplo soa a trivial, e por iso intento ofrecerlles outros que se comentan con menos frecuencia, pero non deixan de ser importantes para a persoa humana.

O catedrático malagueño de lóxica e filosofía da ciencia, D. Antonio Diéguez, un destacado especialista nesta temática, pregunta se o movemento que avoga pola mellora do ser humano, mediante ferramentas tecnolóxicas, mellora a sociedade. Afirma que ese transhumanismo que pretende modificar o ser humano en edición xenética, con implantes cerebrais, pode introducir cambios irreversibles, ata o extremo de dividir a especie humana en homo sapiens e nunha nova raza de ciborgs, algo que Ortega, no contexto dos desexos, xa o acusaba, preguntándose se a hipertrofia da técnica non conduciría a unha crise dos mesmos.

Tamén unha superficial lectura de calquera texto da Historia Universal evidéncianos as loitas para corrixir aquelas inxustizas derivadas da existencia das clases sociais, cuxos integrantes reciben as propias de cada etapa. Pois ben; imaxínense que todo isto pode ter unha tradución para gozar dos privilexios que ofrecen as técnicas máis sofisticadas, e incluso poden acceder ás manipulacións xenéticas necesarias para ampliar capacidades cognitivas, que non debemos descartar que convertan as clases sociais en biolóxicas, en cuxo caso a especie humana, como se apunta no parágrafo anterior, quedará deturpada. Os ricos, potentados e ben situados socialmente, poderán aproveitarse dos beneficios da técnica; pero, en cambio, a quen lle costa traballo chegar a fin de mes con recursos suficientes non poderá aspirar as situacións dos privilexiados, que incluso poden selo bioloxicamente, mediante a constitución dunha nova raza con permanencia garantida xeneticamente.

Pero non se interpreten estas palabras como un ataque á técnica e a ciencia. Sería unha estupidez, porque sen elas xa non podemos vivir; non obstante, isto non quere dicir que non haxa verdadeira necesidade de encarrilar os resultados das investigacións adecuadamente, porque se así se fixera seriamente e con esixencia mundial, a enerxía atómica, por exemplo, non cabería utilizala para aniquilar a vida sobre o noso planeta, e, por suposto, a súa aplicación tampouco estaría ao arbitrio da irresponsabilidade, nin tan sequera para ameazar con ela.

Certamente, señores lectores, botamos de menos que non exista algún organismo capaz de exercer un eficaz control, con autoridade e suficiente poder, para impedir as investigacións inadecuadas mediante un documentado e previo análises das coñecidas repercusións sociais que podan xerar. Creo que a este respecto iluminan aquí unhas importantes palabras do Dr. Diéguez: "En Estados Unidos, o 60 por cento da investigación biomédica é privada. Págana as empresas. E non está claro que os seus intereses coincidan cos dos cidadáns. Iso, ademais, ten outro perigo: que os cidadáns perciban que estas compañías non explican o que fan. Vímolo coa pandemia. Moitos reaccionaron con posicións "anticientíficas ou pseudocientíficas". (Miña a tradución ao galego).

Chegamos a tal extremo nesta interesante, e, á vez, inquietante temática, que ata hai quen se pregunta se a IA (intelixencia artificial) nos levará a unha certa inmortalidade. Aquí está o transhumanismo, esa corrente que pensa na posibilidade de que a técnica, incluso con presunción ética, traspase os límites da vida, facéndoa eterna. Parece que se trata dunha inmortalidade artificial.

Isto obrígame a preguntar que pasaría, neste caso, coa esencia da nosa realidade persoal, posto que non cabe na miña modestia mental que esteamos en presenza dun proceso evolutivo, evidentemente cortado por desnaturalización da realidade suxeita a evolución; más ben se presenta como unha construción sobre os "autodespoxos" da eliminada humanidade, é dicir, iremos camiño dunha "post-biologización", que, así formulada, non afectaría ás outras especies da bioesfera telhardiana.

E utilizo o termo de AUTODESPOXO, porque somos nosoutros mesmos os que nos estamos encamiñando irreflexivamente a esa situación de despoxo, primando obxectivos desvinculados da potenciación complementaria das nosas capacidades, e así, introducindo virtualidades substitutivas. O xúbilo que empeza a producir en moitos intelectuais todo iso do "metaverso", indícanos ata onde estamos dispostos a hipotecar o verdadeiro sentido da nosa realización persoal, empezando polo ocasional abandono do noso recurso crítico.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES