Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Néboa deitada

jueves, 29 de septiembre de 2022
Néboa branca, baixiña, estreita, inconsútil, longuísima, levemente pegada á pel da silente ría de Vigo neste sorprendente serán outonal.

Nada na boca das "Cíes", flota agora deitada -alba serpe alongada- no lombo plano da ría entre o Morrazo e a cidade olívica. Pra se perder logo alá lonxe nos cumios montesíos de Moaña.

Só entón iniciará paseniño, manso rabaño neboento, o seu preguiceiro ascender na encosta, monte arriba, pra dende a altura ollar logo ceos novos, novas terras.

Branquísima é a cor desta aña virxe que dorme entre soños deitada. Soños en flor de algodón.

Amodiño, agora, de entre o branco misterio desta antiga serpe primordial velaí avantan cara a min dous pardos e brumosos castelos de aceiro. Fillos da noite e dos medos son eles, seguros mais cansos cargueiros enfilando cara ó porto de Guixar. Do seo da néboa naceron en tenro parto virxinal.

No quedo e puntual abraio vespertino fanse en min presentes ceos, terra e mailo mar. Incontábeis tempos hai que eles viven en xuntanza. Compaña agreste, amiga, turbulenta e creadora. Ignota e descoñecida pra os pequechos mortais. Tenra e entrañábel, porén, pra os tres. Saben eles de vellas historias, dos monstros e agarimos das augas libres, dos ceos limpos ou torvos, azuis ou esquivos.

Matino que ben eles quererían estar a ben connosco. Deixémolos ben facer ou desfacer. Con desperdicios e indecencias non lixemos marabillas que tempos inconmensurábeis acadaron con paciencia construír, atesourar, agachar ou en parte -só en parte- amosar.

Hai ideas, hai enxeño, hai humor, hai beleza, hai grandeza, hai misterio en canta cousa, cativa ou grande, aí está.

Nesas praias sempre abertas, case infindas, na agachada caixa forte deses fondos abismais... Has todo ollalo con tenrura, con abraio, con respecto, con amor. Alí moran tamén os que un día empezaron a soñar pra non volveren espertar. Soño eterno eles soñan. Nós soñamos o seu soño, vivos si, mais sempre en transo cara a onde os ósos brancos tornarán en serafíns.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES