Publicado na Revista Lucensia. Biblioteca Seminario Diocesano. Nº64.
I. Localización xeográfica do Santuario
COORDENADAS U.T.M. X: 629.197 Y: 4.733.719
O santuario a efectos eclesiásticos está situado no Alto dos Remedios; freguesía de San Salvador de Cesar; arciprestado de Sarria; e diócese de Lugo. Dende unha óptica civil este recinto sacro está emprazado no Alto dos Remedios, tamén nomeado Alto de Cesar, e pertence á parroquia de San Salvador de Cesar. Segundo o I.N.E. 1 do ano 2017, esta parroquia posuía 61 habitantes, distribuídos nas entidades de Arxevide, Cesar e Pape.

Esta parroquia pertence ao municipio lucense de Sarria, que posuía -segundo o I.N.E. do ano 2020- unha poboación de 13.338 habitantes, distribuída entre tres parroquias da vila de Sarria: San Salvador de Sarria, Santa Mariña de Sarria, e Nosa Sra. do Rosario de Sarria; e corenta e nove parroquias do medio rural. Estas ocupan unha superficie de 185, 09 km2. A nivel cultural neste municipio cómpre salientar a Torre da Fortaleza dos Marqueses de Sarria e o mosteiro da Magdalena, construído no século XIII. Ademaís, é mester sinalar a importancia que ten o estilo románico, reflectido ata nun total de vinte igrexas parroquiais.
A capital municipal, que é a vila de Sarria (2), está situada a trinta e un km. ao Sur da

capital provincial, coa que se comunica pola vía rápida CG-22, que une Lugo, Sarria e Monforte de Lemos; outra forma de acceso é por medio do ferrocarril, xa que a capital municipal ten unha estación de tren. Por outra banda, Sarria é sé do partido xudicial do mesmo nome e, tamén, capital da Comarca de Sarria, que ocupa unha superficie de 836,4 km2 e posuía -segundo o I.N.E. do ano 2020- unha poboación de 22.421 habitantes, repartida entre os seguintes municipios: O Incio (1533), Láncara (2584), Paradela (1739), O Páramo (1344), Samos (1246), Triacastela (637) e Sarria (13.338).
NOTAS:
1. Instituto Nacional de Estadística.
2. A finais do século XII o rei Alfonso IX fundou Vilanova de Sarria, adxudicándolle o foro, que ía a rexirse como vila real.