Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Asómbrate de todo canto existe'

viernes, 30 de septiembre de 2022
Aconsellaba Clemente de Alejandría aló polo século II d.C. Fálase de recuperar a habilidade de sentir asom-bro polas cousas grandes, tamén polas miúdas. Só o asombro coñece, recorda o filósofo.

A natureza, primeira ventá ao asombro. Somos criaturas da paisaxe que nos acubilla e latimos acompasados cos ritmos da natureza. O día co sol, meses coa lúa, estacións co eixe do planeta.

A natureza ensina gratuitamente as imaxes máis pracenteiras. Pero convén aprender a mirar coa sensibilidade o abraio que nos habita e perdemos cando a vida vai borrando o esplendor das cores.

Cómpre mirar o mundo con ollos de neno. Neles, di W. Streightiff, collen non só as sete marabillas do mundo, senón sete millóns. Porque o asombro non é agasallo da inmadurez que a sensatez dos adultos desbota. É a capacidade de admirar as esculturas núas dos carballos. Ou resolver cos ollos teoremas de xeometría impo-sible na danza dos estorniños á tardiña. Esa capacidade de percibir o impresionante, a beleza veciña fainos máis felices, creativos, vitais.

Tamén permite ollar á obra dos mellores no eido das artes, o pensamento, a música, as técnicas. Ollos abertos desde as marabillas da natureza ata os portentosos milagres de xenio humano. As conquistas máis sublimes xorden da capacidade de sorprenderse diante diante do novo. E aprender.

O bombardeo de imaxes, sensacións, experiencias efémeras, as marabillas tecnolóxicas que facilitan a vida tamén poden murchar a capacidade de asombro, a heterodoxia dos novos. Éche ben complicado captar, orde-nar e logo asumir a transformación do que estamos a vivir, dos cambios vertixinosos que asombran no campo das artes, novas tecnoloxías, conquistas médicas, arañeira dixital.

Os camiños do abraio non son gratuítos. Hai unha peaxe que pagar. Esixen un alto prezo de visión heterodoxa, esforzo teimudo, creatividade, traballo, acertos e fracasos. Indicadores de que o potencial humano é infinito. Mulleres, homes, políticos, artistas, pensadores, creadores, visionarios á procura dun mundo mellor. Son imprescindibles e as súas conquistas asombran. Asombran os agasallos da natureza, asombran as creacións humanas. Sobrecolle o grandioso Atlántico viaxando en forma de borrascas sobre as nosas cabezas... e os Carmina burana de Carl Orff. Os cristais de orballo nunha tea de araña, e as conquistas contra o ictus do equipo médico do Clínic e Barcelona.

Cultivamos a capacidade de asombro abrindo as ventás da casa sentíndonos embigo do mundo ou un átomo insertado no cosmos. Camiñando polas corredoiras da vida con ollos de neno abertos a sete millóns de mara-billas do mundo. Para que nunca se apague o lume sagrado que levamos dentro: a incombustible curiosidade que ilumina os ollos, que quenta co asombro todo canto existe.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES