Pousa Antelo foi un dos mestres ao que o golpe militar do 36 lle fixo perder as oposicións... e máis cousas. Era militante das Mocedades Galeguistas, coñecera a Castelao e veu como no 36 o tempo non só se detiña senón que daba marcha atrás.
O seu exilio interior tivo a sorte de dar con Antonio Fernández López, un dos maiores

filántropos na Galicia daqueles días, que o convenceu para formarse (con Cruz Gallategui e Rof Codina) e traballar na Escola Agrícola da Granxa Escola de Barreiros en Sarria. Unha experiencia que bebe da Institución Libre de Enseñanza, forma á rapazada do rural para mellorar as explotacións agrarias, aos adultos e tamén a uns mil mestres rurais en cursos de verán. No medio da néboa, algo de luz. Alí, tan como alumno a Valentín Arias, que acabará asumindo o seu papel na Escola Granxa cando marcha a Canarias e Aragón.
O libro que acaba de saír (
As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega) nace de aí, pois aínda que se trate de recoller uns programas de radio nos que colabora Pousa Antelo entre 2008 e 2009, quen fai a transcrición dos mesmos é Valentín (o mellor discípulo e gran amigo, como el o define). Certo que estiveron paradas moitos anos ata que Amancio Liñares as retoma, pide prólogos ás familia Pousa e Arias, aos representantes municipais de A Baña e Teo (onde nace e reside Pousa) e a iso engade os artigos que el mesmo ten publicado ao redor de Avelino. O libro nace con ese apoio dos concellos que o declararon Veciño Predilecto e Veciño Adoptivo.
De que fala Pousa Antelo na radio, cando conta máis de noventa anos? Da actualidade e do pasado. Unha e outra vez retoma os seus temas fulcrais: Galicia, a lingua e a cultura galega, o galeguismo e o nacionalismo, a escola e a educación (unhas veces en xeral, outras referíndose ás grandes figuras da pedagoxía como María Barbeito, Antía Cal ou Antón Costa; outras ás escolas de emigrantes...), do medio rural e o agrarismo, do cooperativismo do que foi un adalid, de xentes ilustres e acontecementos memorables, da memoria histórica e da ecoloxía ao redor das árbores, dos acontecementos históricos e literarios nos que actúa como testemuña e, coa chegada de Feijoo, repite incansable as críticas a Gloria Lago e Galicia bilingüe que intoxican a política.
Impresiona a claridade mental e a valentía de quen era presidente da Fundación Castelao, membro destacado da Fundación Alexandre Bóveda e do Pedrón de Ouro; un galego de ben.