Cantando baixiño, amor
Cabada Castro, Manuel - viernes, 23 de septiembre de 2022
Cabalga no mar o amor,
forte e inocente évos el.
Leva consigo unha rosa,
prendida do seu fardel.
Sei que me doe moi dentro
non me ter ido con el.
Foise a cabalo das ondas,
pegadas non hai xa del.
Rosas medraron nas ondas,
crinas albas de corcel.
Sol e mais lúa pararon,
ó tal fermosura ver.
Dispara, amor, esa frecha,
dardo que fire e non mata.
Quero vivir coa ferida,
a que doendo me sanda.
Cego me contan que es ti,
lúcido amor inmortal.
De vez cegáchesme a min,
non poderei verte máis!
***
Luz nalgún día vin eu
tras longa noite matriz:
noite de estrelas caladas,
un sol aínda por vir.
Foi dende entón, sol radiante,
cando te vin, sol amor:
astro que enteiro refulxes,
es liberdade e paixón.
Fulmina, amor, cos teus dardos
odios, vinganzas, paixóns!
O noso andar rexe ti,
canta connosco cancións!
Neno, meniña, muller,
face túa eles son!
Dálles, amor, o teu cetro
e calarán os canóns!
Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora