Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novembro

jueves, 06 de noviembre de 2008
Novembro Novembro é tamén chamado o mes de Santos, ou San Martiño. Comeza con importantes feiras en Betanzos (que este mes celebra tres ao adiantarse tradicionalmente para o 30 a do primeiro) e Monterroso ("Ai, se viras o que eu vin, na feira de Monterroso, vintecinco xastres xuntos a cabalo dun raposo"), onde adoitaban aprovistarse os cazadores. Feiras nas que a castaña é a raíña. E tamén as noces, que agardemos non sexan tan ruíns como as do ano pasado.

Logo do día de Santos ven o de Difuntos. Son días de lembranza dos devanceiros, parentes e amigos desaparecidos, e de visitas rituais aos cemiterios. O 11 é o San Martiño. Celébrase especialmente en terras ourensáns, onde hai moitas vilas que o teñen por patrón, incluída a propia capital, a vella Auria. Na Galicia tende a confundirse o San Martiño de Tours (que é o propio do día), representado a cabalo e entregando a capa a un pobre, co san Martiño Dumiense, evanxelizador da Gallaecia do tempo dos suevos e, polo tanto, máis noso.

O poeta ourensán Antón Tovar non podía deixar de cantar este día:
Ai!, San Martiño,
No día dos magostos,
Cando a castaña estoura
E canta o viño,
I o fume na paisaxe
É sempre a capa
Do San Martiño.

Tempo de castañas e magostos e tamén de xogos estacionais que xa case son lembranza: "Polo San Martiño, trompos ao camiño". Agardemos que non fallen días soleados, pois "O veranciño de San Martiño, ou grande ou pequeniño". O refraneiro popular aconsella: "Despois do San Martiño, deixa a auga e bebe viño", máis pode ser preferible agardar un pouco a que refaga coas xeadas que ainda han vir.

Polo 22 Santa Cecilia ou Cía é padroeira de musicos e agrupacións musicais, cristianizando o padroado da musa Euterpe. A santa é romana mais, sen sair de Galicia, temos por Zas unha parroquia nomeada Santa Cía de Roma. Curiosidades que se dan na nosa toponímia.

O San Andrés ten o seu día propio o 30, pechando o mes: "Bendito mes que empeza con Santos e remata con San Andrés". Mais en Teixido é frecuentado xa nos días de setembro. O San Andrés do Cabo de Lonxe, na serra da Capelada, é a principal romaría dos galegos, á que "vai de morto o que non foi de vivo", moi vencellada co culto á morte e co solpor dos fisterres.

O outono avanza. No calendario litúrxico comeza o ciclo do Advento. Enfrían os días que poden vir con chuvias ou xeadas. Xa avisa o refraneiro: "Dende Santos a Nadal é inverno natural". Iso se o veranciño do san Martiño non se prolonga, que poidera ser.


Nota: Deseño de Manuel Torres.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES