Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ecuación democrática de Gorbachov

lunes, 19 de septiembre de 2022
Frivolidade, incompetencia, autodestrución, malas compañías, etc., nisto podería resumirse a perestroika, segundo os seus máis severos críticos. Sen embargo, tales aseveracións non deixan de representar un achegamento superficial. O cerne principal da reforma gorbachoviana non era outro que a democratización do socialismo, é dicir, o afán de renovar e reflotar o sistema socialista a través dunha reforma política que permitise transcender as limitacións derivadas da ditadura do proletariado converténdoa nunha democracia do proletariado. Era -e é- isto posible? De entrada, ía requirir a emancipación do pensamento, a liberación dos clixés instituídos e que debían seguirse para manterse na incuestionable ortodoxia. Fora esta, precisamente, a que conducira a URSS ao "estancamento" e impediu a experimentación doutras fórmulas nos países da orbe socialista. Había un canon por forza a seguir e ese canon acabaría por trillar as vigas e tabiques do modelo.

Nos últimos lustros, na dinámica da guerra fría, o capitalismo, aínda que dando tombos, viñera facendo os seus deberes. Xa non precisaba valerse ata de salvaxes ditaduras como norma para establecer a súa primacía. Non era necesario para asegurar o mando das elites e ata chegouse a convencer de que a democratización podía ser máis efectiva e garantir en mellor medida ese esquema de dominio, tolerando disidencias que eran marxinadas a través da deslexitimación electoral. Sen embargo, era posible no socialismo un proceder similar? Poderían garantir a hexemonía política os comunistas nun contexto de pluralismo político, de máis respecto á privacidade e maiores dereitos políticos individuais sen por iso derivar nunha subversión do sistema? Esa ecuación era a clave da perestroika que Gorbachov resumía no establecemento dunha nova lexitimidade para o socialismo que partía da consideración da democracia como un valor humano universal: máis democracia e máis socialismo, dicía o líder soviético.

Onde sinalaba Gorbachov a diferenza do seu concepto co capitalismo liberal? En que a democracia non só debía ser política senón tamén económica, social, e cultural. Pero a consecución destas outras dimensións non podía prescindir da primeira para realmente poder cualificala como tal. Isto significaría desburocratizar a política e incentivar a participación social efectiva, superar a confrontación entre dereitos económicos e sociais e os dereitos civís e políticos, entre os individuais e os colectivos, garantir as liberdades básicas e a transparencia, e, por último, admitir mesmo a alternancia no poder dentro do sistema.

Todo un reto non superado aínda e que cabe resumir en que a única maneira de preservar a vixencia dun sistema alternativo ao liberal é, como norma, a través da imposición de mecanismos con severas restricións no exercicio democrático en comparanza co marco liberal. Un modelo, en suma, pensado para beneficiar ao común pero que non pode garantirse se non é a través dunha limitación substancial dalgúns dereitos que cualificamos de universais.

Esta concepción auspiciada por Gorbachov tiña consecuencias graves para moitos dos tabús que determinaron o modelo socialista de inspiración soviética: o Estado como instrumento do Partido e deste como expresión dos intereses excluíntes dunha clase social, os moi inseparables vínculos entre o Estado e o Partido, o papel do parlamento como expresión máxima da soberanía popular con vida propia, ou a democratización do proceso electoral afastado dos formalismos, un poder xudicial mais independente, a función da norma como referente supremo da xestión e das políticas públicas comezando polos propios "privilexios" dos corpos dirixentes...

A proposta democrática de Gorbachov estaba orientada a fortalecer o socialismo. Díxose que viña sendo socialdemocracia pero ben sabemos que esta é hoxe a outra cara dun mesmo dominio liberal apenas con un aceno social de moi desigual calibre. Gorbachov ía máis aló. Pero sería posible que nun socialismo puidera existir un pluralismo comprometido cun modelo económico e social que atara en curto as clases oligárquicas e fora capaz de neutralizar as súas ambicións de hexemonía política? Como lidar coas forzas hostís? Se o capitalismo podíao facer, porque non podería o socialismo?...

O libre debate de ideas no seo do propio PCUS incidiría na propia configuración dun partido, por definición leninista, que precisaría unha fonda transformación para se adaptar a unha dinámica política marcada polo recoñecemento das tendencias no seu seo, co reto de preservar a unidade. Habería que subir un novo chanzo sen perder a fidelidade a aqueles ideais e valores socialistas que precisaban dunha comprensión actualizada. Pero sabemos como acabou: a alternativa interna, representada por Ieltsin, resultou ser a quinta columna chamada a liquidar o sistema.

A perspectiva chinesa
Non existen modelos preestablecidos, dixo Deng Xiaoping a Gorbachov, quen asentiu, na súa histórica visita de 1989. As concepcións dogmáticas son o noso inimigo, salientou o líder soviético, ante Zhao Ziyang, entón secretario xeral dos comunistas chineses. A fin da vella ortodoxia situaba o diálogo sino-soviético sobre un novo entendemento.

Naquel tempo, na URSS e na China, os dirixentes comunistas facíanse unha mesma pregunta: é posible desenvolver a democracia nun sistema unipartidista? Nos finais dos anos 80, un sector influínte do PCCh estaba decidido a explorar o desfrute dos dereitos democráticos no marco dun sistema unipartidista, cun papel reforzado dunha Constitución que non fora papel mollado. A esencia era ameritar a viabilidade dun estado de dereito socialista diferenciado do liberal. Así concibido, o proceso de democratización tiña como principal reto evitar que se perdera de maneira progresiva o control do poder e a subversión da súa naturaleza. No 89 freouse o proceso, a resultas da crise de Tiananmen, que se retomaría varios lustros adiante co debate sobre a democracia consultiva e deliberativa, co propósito de incrementar progresivamente a base sociopolítica do modelo. E sen resolver, volverase a el ciclicamente.

Visto o acontecido tanto nos países do socialismo real como no xigante oriental, trátase dunha cuestión aínda pendente de resposta. Non se debate a bondade redentora das motivacións e obxectivos senón as fórmulas de implementación para fortalecelo e facer que perdure nun contexto provedor non só de maior xustiza social senón de máis liberdade. Hoxe, nin China é modelo en Asia nin Cuba, poñamos por caso, en América Latina. Cando a China interesa é polo milagre da súa economía pero os mesmos que o aplauden rexeitan o seu modelo político. E os propios chineses animan a cada quen a seguir un camiño propio. No mesmo sentido, a admiración pola resistencia e os logros en Cuba non se traduce nunha asunción do seu modelo polas forzas progresistas da rexión.

Garantir a democracia non é pan comido para ninguén. Basta ver o seu fondo deterioro nos últimos anos nos sistemas liberais e agora complementado co preocupante ascenso dos neofascismos en latitudes que van dende o Mediterráneo ata a Escandinavia. Pero a afirmación da súa centralidade histórica como tendencia política preponderante no século XX segue a ser liderada polo liberalismo antes que polo socialismo, que aínda non deu resposta cumprida ao reto de implementala con maior riqueza de contidos que o capitalismo.

Podemos interrogarnos sobre se é posible este outro modelo nun contexto internacional marcado pola rivalidade ideolóxica e a presenza de grandes tensións xeopolíticas. O "novo pensamento" de Gorbachov buscaba eses novos camiños finalmente frustrados, con influencias internas nada desprezables. Sen dúbida, é unha variable importante e a ter en conta.

Gorbachov, que sabía perfectamente do calamitoso estado do sistema soviético e da necesidade de explorar saídas democráticas, tentaba coa perestroika conxurar a hipótese dun colapso violento. Pero igualmente alentaba a exploración intelectual dunha alternativa a ese liberalismo que tan eficazmente conseguiu instalar no imaxinario social a idea de que pese aos seus defectos e contradicións non ten alternativa porque, a fin de contas, é o menos malo posible.

Xulio Ríos é presidente de honra do IGADI.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES