Xosé Manuel Carballo: É Valuro o Monte Medulio?
Na mesma conversa na que Ánxel Fole fala da palabra Valuro, quedábanos pendente o que comentara anteriormente Xosé Manuel Carballo Ferreiro. De todo isto escribe o poeta Manuel Rodríguez López:
"Hai anos, con ocasión dunha visita con Ánxel Fole a Castro de Rei tras visita-lo pazo de Sistallo, Xosé Manuel Carballo, o activo crego,
autor e director teatral, prestidixitador, inspirado narrador e incansable profundador nas raíces histórico-étnicas do noso pobo, díxonos que o monte da Escrita quizais sexa o Medullium reseñado polos historiadores latinos".
Se todo isto é verdade, habería que pensar que os Valuros formaban parte dunha tribo moi consecuente cos seus principios, como xa viñemos dicindo ao longo destas exposicións, era xente valente e sen medo, porque enfrontarse á Igrexa é tan complicado como facelo contra os romanos, sempre se leva a de perder.
Segue dicindo o poeta Rodríguez López, por boca de Xosé Manuel Carballo, que
"Triabá -unha das parroquias do concello. Proporcionaba o liño para confeciona-las túnicas dos emperadores romanos e contou que, segundo a tradición, Teodosio o Grande nacera no lugar de Coea, pretiño de alí".
Triabá é unha localización valura, e tanto, que moitos historiadores colócana como centro da Valuria.
O escritor, membro da Real Academia Galega, Anxel Fole, escoitou con atención e dixo "Outra fantasía máis".
Nada sabemos se Teodosio foi ou non foi valuro, pero o que sí sabemos e que neste ano 2021 por mor dunha traída de electróns procedente dos eólicos dos montes da Pastoriza e Mondoñedo, atopouse a presenza dunha vila romana, entre outros achados, na mesma Coea, que moi ben puidese estar relacionado co berce de Teodosio.

Con relación ao monte Medulio, Amor Meilán concordaba co historiador Ferreras ao afirmar que entre os montes do concello de Castro de Rei atópase o famoso Medulio, no que os seus moradores, que se escaparon da espada e do lume, preferiron morrer envelenados coa raíz do teixo e Xosé Manuel Carballo di que o monte da Escrita puido ser o enigmático lugar da batalla entre valuros e romanos no ano 26 antes de Cristo a pesar de que o citado monte teña moitos máis adeptos (Mante Aloia, Medelo, Cabeza de Neda, O Bierzo, Póboa de Brollón...).
Lucio Anneo Floro, posiblemente a través de Tito Libio comenta o feito de que estes "indómitos guerreiros bárbaros" preferiron suicidarse co veleno dos teixos antes cá servir aos romanos...
Paulo Orosio no "Historiarum adversum paganos libri septem" observa que Antisio e Firmio, legados de Augusto, rodearon o monte Medulio, que se atopa preto do río Miño, o que concerta totalmente co monte da Escrita e un topónimo moi coñecido nos arredores é o de "As Teixoeiras", o que nos indicaría un lugar moi poboado de teixos.
Casimiro Torres en
"La Galicia Romana" dinos que o Miño se tinguiu co sangue do pobo galego o que tamén concorda co monte da Escrita que polo seu oeste linda co río Miño e que se pode ver na estrada que vai de Castro Ribeiras de Lea a Castro de Rei, un pouquiño antes das Fontes de Quintela e despois de Bendia, habendo unha zona orográfica moi pronunciada na que o sangue puido chegar ao río polo pretiño que se atopa o monte da corrente fluvial.
Xosé Manuel Carballo tenme dito, ao que isto escribe, e repetidas veces, que os labradores cando aran no monte da Escrita atopan moi a miúdo ósos procedentes de cadáveres que alí se atopan. Sexa como fose, este é un monte Valuro que hai que considerar en tanto non se descobre a localización deste monte mítico que se atopa en Santalocaia, moi cerquiña da tamén mítica Cauca que podería estar representada por Coea.
Salve Valuria!
NOTAS:
RODRÍGUEZ LÓPEZ, Manuel.- Viaxes con Ánxel Fole. Ediciós do Castro, (serie testemuña). Sada, A Coruña, 1988.
Imaxe de XOSÉ CARBALLO tomada da páxina web CATEQUESIS DE GALICIA.
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela