Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Postmodernidade e melancolía

miércoles, 05 de noviembre de 2008
Moita tinta ten verquido a cultura occidental sobre o fenómeno da melancolía, ese estado morboso que antigamente estaba relacionado coa bilis negra ou coa amarela, coas flemas salgadas e acedas e cos influxos de Saturno, todo o cal, xunto ou por separado, determinaba o individuo, facendo del xa fose unha perpetua queixa polo existir, unha indiferencia e apatía encarnadas nun ser amorfo, se predominaba nel a bilis negra ou fría, xa un ser exacerbadamente locuaz, vehemente e exaltado até a loucura, cando a bilis amarela ou quente predominaba, xunto cos humores amargos, que mesturaban os seus vapores cos movementos da alma.

Pouco e pouco, a melancolía foi tomando status cultural, e así Platón fálanos xa dos melancólicos como xentes que responden ao diagnóstico do ignorante consciente que nada quere coñecer, fuxindo deste xeito da normalidade constitutiva do home (si, xa sei, e da muller tamén) que vive aprendendo e sabendo cada día máis. Algo máis positivo foi Teofrasto que lle/nos (aquí hai que apuntarse) daba aos melancólicos un carimbo de orixinalidade que os/nos separa do común dos mortais e lles/nos imprime xenialidade, cousa esta confirmada por don Aristóteles, que non era ningún cantamañáns.

Pouco e pouco, foise transformando en elemento ideolóxico e teolóxico, e a cousa empezou a ser algo máis perigosa dende que os Pais da Igrexa decretaron que a melancolía relacionaba co demo a probada tristeza e a voluptuosidade preguiceira dos monxes, aínda que tamén foi valorada positivamente como unha etapa de contemplación necesaria para investigar nos supremos misterios. E nos séculos XV e XVI, segundo o meu chorado e sabio amigo Carlos Gurméndez, de quen hai que ler o libro La melancolía (Espasa Calpe, 1990), unha onda de melancolía sabia e profunda invadiu a conciencia dos homes, de xeito que non se concebía como posíbel unha obra artística ou poética se o autor (si, ou autora) non era un/unha melancólico/a.

Magnífica foi a melancolía romántica, Nai Grande de todas as melancolías: liberadora, por rebelde e revolucionaria, dos Estado absolutista, en contra do que dicía Georg Lukacs, mentor dos que non saben ver no Romanticismo máis que unha mirada nostálxica e restauracionista dun pasado medieval. Magnífico Baudelaire, máis tarde, cantando o spleen do século, e Gérard de Nerval co seu Soleil Noir de la Mélancolie, e a nosa Rosalía coa súa Negra Sombra. E así ata hoxe, cando xa confundimos a melancolía coa depresión, tal como fai Julia Kristeva nun seu libro de 1987 (Paris: Gallimard).

¿Qué pasará en Galicia coa melancolía? En principio, semella que somos un colectivo tendente a estados melancólicos, tanto no pasado coma agora mesmo. No pasado quizais fose o clima, tal e como querían tamén, non hai moitos séculos, os ingleses para se apuntar un tanto no que respecta á súa suposta predisposición para o pensamento filosófico. Quizais fose a fame, que se nos enguedellou coa saudade, producindo toda unha mística ao respecto. Quizais, en fin, unha tristeza histórica herdada xenéticamente debido ás calamidades de tantas apostas perdidas.

Con respecto ao presente, teño as miñas dúbidas sobre se existe ou non a melancolía en occidente e máis concretamente en Galicia. Dende logo, ás veces vense xentes que parecen algo melancólicas, sen que se lle poida atribuír ao clima, porque hoxe hai paraugas para todos; nin á saudade, porque xa non hai paraísos imposíbeis nin lonxes inalcanzábeis; nin á fame, porque fartar, fartámonos a comer en múltiples encherolas. Vemos, iso si, moita xente da que dicía Platón: ignorantes conscientes que nada queren coñecer, indolentes e preguiceiros que parecen aplicar literalmente o unamuniano “que inventen ellos”. Eu coido, non obstante, que non se debe a ningún estado sublime do espírito e si a que a posmodernidade, tan rabelesianamente gastronómica en Galicia, produce algo que pode imitar á melancolía, pero que moito me parece que se queda nunha cuestión de aerofaxia, de gases, con perdón da súa cara, señora.
Tarrío Varela, Anxo
Tarrío Varela, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES