Francisco de Neira, o médico lugués ignorado
Rivas García, Manuel - viernes, 16 de septiembre de 2022
A presenza da Ilustración en Galiza é innegable. Só algunha mente miope ou moi radical na apreciación desta idea pode negar o papel que xogaron institucións ilustradas, como Sociedades Económicas de Amigos do País con arraigo en Lugo e Santiago, A Academia de Agricultura de A Coruña, o Consulado de Mar, a Escola de Náutica ou personaxes tan significativos como o Francisco de Castro, Cornide, González Varela, Vicente do Seixo, Lucas Labrada, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, Somoza de Monsoriú e outros que aparecen espallados nos diferentes estudos feitos sobre esta época na Galiza.
Dito isto, cabe sinalar que o noso personaxe -Francisco de Neira- apenas é citado en moitos dos estudos que se fixeron sobre esta época galega. A razón do seu descoñecemento débese ó meu modo der ver a dúas causas: a) Practicamente non ten obra escrita -so consta un plan da Física Experimental- e b) o seu pasado histórico. Foi con 27 anos un Catedrático de Medicina innovador e mesmo revolucionario. E iso os seus compañeiros de claustro -a gran maioría conservadora- non llo perdoaron. Foi como unha pedriña molesta no zapato da que era preciso desfacerse. Fixéronlle a vida imposible na Universidade de Santiago e non pararon ata que se marchou a Madrid. Pero non contentos con amolalo en vida, perseguírono con saña, unha vez falecido, borrándoo de moitos documentos onde aparecía. É o que se coñece como "damnatiomemoriae", a supresión da memoria histórica, o rancor que se asaña cunha persoa evitando que sexa coñecida polas futuras xeracións. Iso xa se puxo en práctica nos pobos antigos. En Roma, cando o emperador ou un personaxe ilustre era considerado inimigo do pobo romano, o senado decretaba borrar o seu nome de cantos sitios aparecese. A menor escala este fenómeno reproduciuse con outras persoas relevantes pero molestas. Francisco de Neira foi sen lugar a dúbida un deses casos e iso explica a moi escasa aparición do seu nome entre os ilustrados galegos a pesar da gran relevancia que tivo na Universidade e sociedade galegas. Non parece mero fenómeno do azar que tanto o libro parroquial de bautizos da época en que nace en Orbazai, como libro de claustros da Universidade de Santiago cando as polémicas entre Neira e o claustro alcanzan unha alta temperatura, desaparezan. O máis probable é que, igual que sucedeu noutros casos similares, os fixesen desaparecer.
Pero quén foi Francisco de Neira? Francisco de Neira naceu na parroquia de Orbazai na ribeira do Miño, fronte a Lugo, en 1754 -como se deduce por outros documentos ó carecer do correspondente libro de bautizos-. Estudou no Seminario de Lugo pasando logo á Universidade de Santiago para facer os tres cursos de Filosofía -Facultade menor- e pasa logo a cursar Medicina. Nos dous últimos cursos de carreira fai as prácticas no Hospital da Armada en Ferrol. A Armada tiña entón os mellores cirurxiáns debido as necesidades que impoñían as constantes guerras. Remata Medicina en 1781 e ese mesmo ano gaña por oposición a Cátedra de Vésperas da Facultade de Medicina de Santiago. Conta entón 27 anos. Pero en vez de acomodarse no seu posto, dous anos máis tarde en 1783- solicita permiso para ir a estudar a Londres e Edimburgo. Nesas cidades respira os aires dos novos saberes experimentais que empezan a estenderse por Europa. Dáse conta da transcendencia que ten isto para renovar a Universidade que aínda seguía pechada na ciencia teórica aristotélica. Prepárase entón na práctica de Física Experimental nos laboratorios universitarios. Completada a súa formación, trata de introducir dita materia na Universidade galega e pídelle ó Claustro mil reais para mercar máquinas e material experimental para montar un laboratorio de Física. Pero a Universidade contesta dando largas ó asunto. Non será ata comezos do XIX cando chegue dito material.
Xa de volta en Santiago, pide pasar á Cátedra de Física Experimental que se impartía en Filosofía, alegando a súa formación específica na materia. En 1789 foi nomeado para o posto, converténdose no primeiro catedrático de Física Experimental da institucións compostelá. Pero os seus inimigos non durmían. Quizais movidos pola envexa, dous anos máis tarde, un grupo de profesores apoiándose nas Constitucións de Universidade- presenta ó claustro unha moción solicitando que Francisco de Neira debe abandonar a súa Cátedra porque non reúne os requisitos necesarios da Facultade de Artes xa que non Licenciado nin Doutor en Filosofía, conditio sine qua non para ser Catedrático . Obtén Neira un curto período de tempo para cumprir co prescrito. En apenas dous anos e medio logra a licenciatura e o doutoramento en Filosofía e a conseguinte praza efectiva de Física Experimental.
A personalidade científica, laboriosa e honesta do Dr. Neira logrou aglutinar un nutrido grupos de xóvenes profesores que sería o xerme dunha escola científica a comezos do XIX. Pero mentres tanto, a corrente partidaria da física teórica aristotélica e o sector maioritariamente conservador do claustro non pararon ata que botaron aquel brillante científico fora da Universidade. Cansado de tanta batalla inútil, Francisco de Neira oposita e gaña a Cátedra de Clínica do Real Colexio de Medicina Práctica de Madrid , pasando a formar parte do Real Protomedicato -unha especie de inspección médica- perdendo Compostela unha gran figura científica a oportunidade de renovarse a tempo. Anos máis tarde tería que asumir a renovación dos plans de estudos imposta por mandato real e nos que tivo que ver o mesmo Francisco de Neira.
Para concluír, compre sinalar que Francisco de Neira foi unha persoa moi activa e práctica. Del non se conserva ningunha publicación. Só consta no Libro de Claustros da Universidade o plan da Física Experimental, que debía estudarse en 2º de Filosofía e facendo prácticas no gabinete de Le Fond, que precisaba mercar a Universidade. Como non había textos en español, propón que cada profesor redacte o texto da súa materia. Pero nada disto vería mentres estivo en Santiago. Foi preciso esperar uns anos para que se implantase. Con todo, o esforzo non foi inútil e deu os seus froitos cos novos plans de estudos e ca nutrida escola de científicos da Universidade de Santiago que empezará a brillar a comezos do XIX.

Rivas García, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora