Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous reinados

lunes, 12 de septiembre de 2022
Dous reinados Cando eu nacín xa era raíña. Na miña idade madura (porque seica non se é vello ata os 74 anos) seguía sendo raíña. 70 anos e 214 días sendo raíña. Iso é unha eternidade! Non fai falta que diga de quen falo, porque desde o día 8 non se fala doutro falecemento, doutra persoa. Tamén é verdade que a pesar desa eternidade de reinado, semella que hai alguén máis que lle fai competencia. A proba é que non tardaron en aparecer os típicos memes sobre, precisamente, esa duración, que se espallaron pola Internet nun alustro ou en dúas chantadas. E hai un que fai referencia a un personaxe noso, da nosa Galicia. Di que a raíña Isabel II de Inglaterra enterrou a cinco papas, que viu chegar e viu marchar ós Beatles e que viu levantar e caer o muro de Berlín. Pero, iso si, non viu a Xosé Ramón Gayoso xubilarse. Eu tamén diría que tampouco a Jordi Hurtado.

Deixando de lado os memes, hai que recoñecer que tal raíña e tal reinado tivo o seu aquel. Normal, en 70 anos hai para dar e tomar, tanto para o bo coma para o malo. Sei que para os británicos a súa raíña foi quizais o máximo de todo o que puido dar ese país, e onde a monarquía é moito máis que unha institución. Aínda que (creo entender), nos últimos anos, a xente empeza a abrir un pouco máis o entendemento e xa non chove como chovía, é dicir, que pouco a pouco empezan a cuestionar tal entidade. Lóxico, o poder ou o que arrastra consigo a monarquía británica non é moco de pavo.

Dous reinados Falando de reinados, esta semana pasada empezou a reinar na nosa provincia a vendima. Ese traballo no que se empeza facendo bromas e se acaba cansados, moi cansados. O primeiro día, entre que te xuntas con certos familiares ou amigos que che botan unha man, todo é gloria bendita. Ata que, a base de andar agachados e de cargar con cestos e máis cestos, con caixas e máis caixas, a gloria empeza a darlle paso ó calvario físico e, incluso para moitos, mental. Porque nunca sabes a que prezo che pagarán as uvas... e se chas pagarán. Despois, para máis aquel, a administración empeza a poñer cada vez máis pegas para as contratacións de xornaleiros. Tampouco é de estrañar: desde que o mundo é mundo o sector agrícola sempre foi o máis sacrificado en todo. Repito: en todo. Non obstante, esperemos que este reinado da vendima non morra nunca.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES