A viaxe ao Cadramon
Fernández, Suso - lunes, 03 de noviembre de 2008
A rasa cantábrica que define o noso espacio vital -chán paralelo á liña da costa- amosa umha beleza singular, franxa que ofrece unha ringleira de blancos, finísimos e coidados areais, que polo sur pecha unha sucesión de pequenos montes, posibilitando de xeito alternativo e mesmo simultáneo o disfrute de dous medios naturais tan distintos e aínda contradictorios como son o mar e o monte, na observancia duns valores que levan implícitos outros amais da orografía e a paisaxe: a flora e a fauna, a historia, a literatura e a arquitectura populares, o patrimonio artístico e mesmo aqueles que pola configuración propia desas latitudes engaden novas potencialidades como pode ser hoxe, por exemplo, a enerxía eólica.
Para os que a cotío molllamos os pés na bairamar da Mariña Central, o Cadramón foi sempre unha referencia, próxima pero distante; un lugar entre mítico e misterioso, do que en tempos nos chegaban noticias de feitos sorprendentes polo que tiñan de alleos ó noso hábitat habitual.
Así na nosa nenez os relatos de lobos e nevaradas, reais ou fantásticos -xa se sabe que a fantasía popular acostuma a magnificar determinados feitos- case sempre tiñan por escenario aqueles outos e bravos paraxes, inhóspitos, e polo tanto en boa medida descoñecidos, o que espertaba o interese e a admiración das mentes infantís, sempre dispostas ó asombro ante o insólito, o extraordinario e o arriscado...
De vez en cando chegaba un novo hálito de misterio, envolto na confidencia e o anonimato: as circunstancias aconsellaban a discreción e mesmo o silencio. Neste sentido lembramos especialmente aquel que polos anos corenta da nosa infancia
espallou a nova de que naqueles paraxes, xusto na Fraga Vella, alguen dera morte ó falanxita Xosé Viador. De contado a vox pópuli, responsabilizou á gavilla daquel lexendario Luis Trigo Gardarríos que con frecuencia merodeaba por aquel contorno. Trigo foi biografiado por Carlos G. Reigosa no seu exitoso libro Fuxidos de sona.
O illamento histórico das terras do Cadramón dada a súa difícil orografía, a falta de vías de comunicación ou a penosa posible utilización delas, o seu trazado sinuoso e o mal estado permanente, amais de outras posibles consideracións, foron as razóns definitivas de que aquelas permenecesen case coma unha reserva natural, de indudable interese e beleza.
Foi na adolescencia cando por vez primeira alcanzamos aquelas cumes, de visión maxestuosa, cubertas de neve, por onde con plena liberdade trotaban os cabalos;:era o único son que alí se escoitaba co intermitente relinchar das bestas: toda unha sinfonía visual e sonora de Natura en plena ebullición. Un mundo que nos deixara abraiado.
Por circunstancias, xa na mocidade, dacabalo da vella Lambretta -toda unha odisea-, viaxamos moitas veces por aquel entorno: Cadramón, Labrada, Romariz
Foi a finais dos anos sesenta cando se rachou con esa incomunicación: A Empresa Ribadeo puxo un servicio de viaxeiros wntre a Costa e aquela zona que partía de Foz ás seis da mañá cara a Burela e daquí voltaba a Cangas para por Moucide ir a Ferreira e ascender os 12 km.que a separan do alto de Cadramón e continuar polos pobos do traxecto ata Gontán e Abadín, a onde chegaba ás 8,30 e alí trasbordar ós viaxeiros para o Cospeito que procedente de Ribadeo ía para Lugo pasando por aquela vila, nunha viaxe que de Foz á capital levaba arrredor de 4 horas. Peporro Freire, que fora revisor lembra as incomodidades da viaxe xeradas sobre todo polo trazado de tantas e tan pronunciadas curvas e un piso maltreito; daí que a xente, sobre todo a entrada en anos, para evitar o mareo preferise viaxar na baca
Hoxe as condicións son outras e son moitas as persoas que acceden a aqueles lugares para disfrutar dos seus encantos, daí que decidimos facelo o 28 do pasado setembro, nunha tarde soleada de domingo, e alá nos fumos con toda a familia para que, sobre todo os mais pequenos disfrutaran correndo e choutando polo monte, contemplando os cabalos ceibes, pillando amoras nas silveiras
Pero unha infortunada caída, pretiño da capela da Santa Filomena fixo que batéramos no chán recibindo un golpe que nos ten aínda no dique seco. Neste lapsus foron incontables as persoas que se interesaron por nós. Graciñas a todos. Viaxaremos novamente ao Cadramón.

Fernández, Suso