Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A voz da memoria. Isaac Xubín.

jueves, 08 de septiembre de 2022
Se algún non coñece a Isaac Xubín, horas son.

O apelido non é tal, senón o nome da aldea de súa nai. Se buscamos na rede deseguida sabemos que é filólogo, tradutor (do éuscaro, inglés, castelán, irlandés...), profesor e investigador. Tamén veremos que a súa experiencia vital é un camiñar por xeografías e linguas e que a súa produción creativa unha especie de macrotexto de poética, narrativa e ensaio. Conta con premios como o da Crítica española en narrativa, varios ás súas traducións (tanto en Galicia como en Euskadi) e destacamos na poesía o Eusebio Lorenzo Baleirón e o Lueiro Rey.
A voz da memoria. Isaac Xubín.
Por si non resultase demasiado atractiva a imaxe, diremos que xogou rugby e fútbol gaélico e que pertenceu ás Redes Escarlata, aqueles e aquelas poetas que declaraban Xuro que non volverei pasar famecomo declarara a protagonista de Foise co vento.
Unha personalidade e un proxecto vital que arrastran. Del, tamén é o dicionario bilingüe galego-éuscaro.

Conta cunha memoria impresionante, e case incrible, que vén contradicir o dito de memoria de elefante. Cando Xubín toma a palabra desaparece o papel e o libro, para facerse todo oralidade. Voz. A última vez que o escoitei foi á beira da escultura de García Lorca na Alameda de Compostela. O título da súa intervención era "Non todo será silencio" no que comeza e remata con melodías na flauta, unha canción polo medio e textos propios e de diferentes autores e autoras; todo ido cosido cunha idea. Un vínculo: a identidade, a memoria que nos leva pola historia dos pobos e a literatura que atravesa os séculos, un elo que vai atando culturas e mitos co pouso do compromiso, a liberdade e a reivindicación en termos poéticos. Os poetas que atravesando Europa bican o Atlántico e foron como Ferrín faro de futuras xeracións, poetas que recolleron os topónimos como fai Xubín coa casa da nai. E si, macrotexto é o seu no que imos pasando do catalán ao éuscaro, ao irlandés ou o galego de forma natural, tal como el os fala. É fermoso ver que se pode ser dun sitio pequeno e levar o mundo na cabeza e o corazón, ter unha lingua propia e falar moitas outras, sentirse galego sen deixar de ser marroquí, irlandés ou negro, porque a identidade é propia... e común cando non é imperialista, porque ti e máis eu somos nós, sen deixar de ser ti e eu.

Sei dunha intervención que anda a facer IsaacXubín e aínda non puiden escoitar "Son o fillo do fillo do rei de Grecia", que se presenta así: "Un relato autobiográfico tecido polo amor ás viaxes, ás linguas, á literatura e ao deporte que mestura de xeito eficaz a exposición de contidos, o recitado de poesía e a música en directo (guitarra e whistle)". Adoezo por presencialo. Mentres tanto, a frase esperta evocacións, fainos poñer en pé e mirar de fronte. Ese primeiro verso dun poema irlandés abre a fonte das augas limpas e cantareiras como fixera aquel: Que me queres, amor?
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES