Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novo curso, vellos recordos

jueves, 08 de septiembre de 2022
Setenta anos dan para moito na vida dunha Asociación. De seguro que se organizan actividades variadas con máis ou menos éxito. Pero non podemos perder de vista o espírito desa Asociación Internacional con presencia en Francia, Bélxica, Italia, España e Suíza centrada na "formación como medio para potenciar a dignidade das persoas". Estou a referirme a AUXILIA.

Ante un novo curso, afloran vellos recordos. Quizais xa quedamos poucos para contalos así que é o momento de lembrar uns comezos, cando menos curiosos. Un rapaz catalán Novo curso, vellos recordoshospitalizado, coñecedor de que en Francia daban clases por correspondencia a persoas con dificultades físicas, contactou co Instituto Francés de Barcelona para solicitar un curso de lingua francesa. A situación era nova e tentaron darlle solución sen imaxinar que estaban abrindo unha porta ao futuro de moitas persoas. Era o ano 1952 e acababa de nacer o xerme de AUXILIA en España.

Pasado algún tempo, unha nai solicitaba axuda para escolarizar a un neno de 5 anos afectado de polio. A realidade era que a gran maioría dos nenos "vivían" pechados nas súas casas simplemente por ter unha limitación física. A opción por correspondencia non era factible e casualmente falouse da situación nun curso de Preu (Preuniversitario) con 45 alumnos. De maneira imprevisible todos se ofreceron para dar clases unha hora á semana o que permitiu atender a máis alumnos. Ante unha demanda incesante, as iniciativas empezaron a multiplicarse chegando a coordinar distintos equipos de profesores voluntarios "por correspondencia" ou "a domicilio" dependendo da situación de cada persoa. Asistín a Encontros especialmente emotivos en Cuenca, Valladolid..., nos que se coñecían os alumnos e os profesores persoalmente.

En Lugo os comezos foron similares pasando rapidamente a crear unha Aula Colectiva no Colexio Menor Santísimo Sacramento que cedía desinteresadamente algunha das súas aulas. Había que dar resposta a problemática específica do noso mundo rural. As rapazas, de distintas idades e niveis moi variados, estaban en réxime de internado axudadas nas súas actividades básicas por un grupo de voluntarias do Colexio. A estancia e o profesorado pagábase con subvencións para esa experiencia piloto. Rematada a carreira de Maxisterio, e antes de adxudicarme o primeiro destino, estiven un curso nesa Aula. O meu coche facía de "transporte escolar" para levar algún alumno desde o domicilio ou desde a Residencia Menor Eijo Garay. Impactoume ensinar o máis elemental a persoas da miña idade que case nunca saíran das súas casas.

Tres anos máis tarde dariamos outro paso co traslado da Aula ao Centro Base do Inserso. O profesorado xa o asumía Educación e o transporte realizouno o primeiro microbús adaptado da Cruz Vermella. Empezou con 9 alumnos e funcionou durante tres cursos. Coa colaboración do antigo colexio Menéndez Pelayo, os de idade escolar figuraban matriculados no Centro. A petición do director do Centro Base e cun nomeamento da Delegación de Educación, coordinei a experiencia ata que me adxudicaron destino definitivo no colexio de Alfoz. Os alumnos pasaron ao Ceip Illa Verde que, naquel momento, reunía as mellores condicións de accesibilidade. Seguiamos avanzando. Xa estaban nun Centro, pero... xuntos na mesma aula. Tería que pasar algún tempo ata que cada un estivese na que lle correspondía segundo a súa idade.

Empezouse a falar do dereito á Educación coa aprobación da primeira Lei de Integración, a famosa Lismi do 82. A recente Lomloe recoñece o "dereito a recibir unha educación de calidade baseada na igualdade de oportunidades". Volvendo ao principio, todo é importante nunha Asociación, pero sen esquecer o fundamental. Unha formación adecuada é prioritaria para chegar á tan ansiada integración laboral, base dunha vida independente. Con 37 anos arredor da escola sei do que estou a falar e podo asegurar que aínda queda moito que facer. É necesario seguir loitando por unha "educación inclusiva".
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES