Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A HOAC na loita obreira do 72 de Ferrol

miércoles, 07 de septiembre de 2022
Síntome na obriga de facer, aínda que sexa pequena, unha achega da historia da HOAC (Hermandad Obrera da Acción Católica) en Ferrol NESTE QUINCUAXÉSIMO ANO dos sucesos do 10 marzo do 72 do século pasado, coa conexión que tivo en todo o ámbito da España franquista.

O Movemento obreiro e a Igrexa
Como anécdota deixo caer este suceso de contraste, que sucedeu durante a II República con moita sona na prensa de Madrid. Foi o caso dos mineiros de León cando queimaron unha capela dun santuario e desa queima salvaron a imaxe de Xesucristo con un letreiro que dicía: "Ti non, porque Ti es dos nosos". Polo que se ve, o movemento obreiro no foi anticristián senón anticlerical, que defendía a clase explotadora.

Polos anos cincuenta do franquismo nace a HOAC coa consigna da conquista do mundo obreiro para Cristo, sen darse conta de que o Xesús do Evanxeo xa estaba nese mundo; o obxectivo pois era asegurar unha fronte anticomunista, que lle impuña a pregunta de cando trunfará o cristianismo sobre o comunismo?. A pregunta seguía latente nestes grupos sobre todo na España da Santa Cruzada franquista de fondo.

Aínda que controlados pola xerarquía e polo sindicato vertical da ditadura, a HOAC chegou a conseguir numerosos militantes animados polo seu líder, o enxeñeiro-obreiro Rovirosa "coa súa ascética cristiá e mística obreirista que aparecía no xornal "Tu", axiña acollido polo seu atrevido impacto popular e crítico, descoñecido até daquela" (di Chao no libro "La Iglesia en el Franquismo"). Este xornal fíxose tamén popular na Bazán de aquí de Ferrol. Ao pouco tempo secuestrado e prohibido polo goberno. Máis tarde tamén a xerarquía escabezaría o seu líder.

A HOAC en Ferrol e en Galiza
Aquí arranca a HOAC en Ferrol animados polo traballador da Bazán, Camilo Ces, delegado para Galiza, amigo e colaborador de Rovirosa, quen se achegou a Ferrol varias veces. Como traballador da Bazán, deixounos un escrito da súa propia man coa actividade dos hoacistas e a clase traballadora. Cito só algunha curiosa anécdota. Dado o espectáculo daquela dos obreiros da Bazán que saían a mediodía comer nos portais das casas do arredor, conseguiron os comedores dentro da empresa. Mesejo recibiu a reprimenda do delegado do sindicato vertical por facer xestións fóra dos canles legais. Outra conquista, tamén sen os canles legais, foi que á morte dos titulares da casa de Bazán, as viúvas eran desafiuzadas coa familia, ora ben, lograron que quedasen utilizando a vivenda. Chegaron a "facer unha comisión onde había socialistas e comunistas" -di Ces. Aquí xurdiu un equipo que espeliu un pouco o movemento cristián dentro da clase obreira. Citamos só uns cantos, entre outros a Mesejo, Carmelo, Leira, Silva, Juan Mauel, e as mulleres, Carmen Riobó, Victoria, Patrocinio, e outras dunha lista longa, animados polos sacerdotes Gabriel, Cuco, Aneiros, Vicente, Manolo Trigo, que foron laborando até chegaren á unión na loita sindical clandestina de CC.OO. Todos unidos na loita do 10 de marzo de 1972, no centro de Cáritas e nos comités de empresa para axudar ás familias das vítimas, Amador e Daniel, e dos despedidos; estendeuse a solidariedade obreira polas capitais da Galiza, coa significativa loita en Vigo, Coruña, Santiago, etc. que se espallou por España e polo estranxeiro.

Consecuencias do 10 de marzo
1) Nos sucesos do 72, o NON MATARÁS da famosa homilía deixou clara a condena do metrallar a multitude obreira, e a postura do grupo da base co apoio do bispo Miguel Anxo, valeu unha moi dura crítica contra o réxime ditatorial. Ora ben, propomos unha consecuencia de obrigado cumprimento á xerarquía: que é boa ocasión de acoller democraticamente a Ley de Memoria Democrática, que acaba de aprobar o Congreso que exixe en grande parte romper co franquismo á toda sociedade española e á Igrexa, xa que logo. Cónstame que a HOAC está nesta liña.

2) Tamén destes sucesos podemos sacar a consecuencia sindical. Se ben é certo, como queda dito, que estes sucesos supuxeron unha unión exemplar de toda a clase traballadora, estudantes, movementos sociais, e pobo en xeral, xórdenme estas preguntas sen ánimo de dividir nin sementar tempestades: por que na celebración dos 50 anos do 72 non se chegou a unidade, polo menos, sindical?. Por que os dirixentes sindicais non se sentan a dialogar para conseguir a unidade da esquerda nos obxectivos e datas comúns, como exemplo para o pobo en xeral?. Aí queda o clamor da esquerda.

3) Bríndolle a HOAC que colabore no traballo de liberarse do apego á dereita franquista, coa consigna de desfranquizar a Igrexa. Non teñades medo que os templos se baleiren da hipocrisía do nacional catolicismo. A nosa obriga é comprometernos coa mensaxe do Evanxeo de Xesús: Velaí a parábola do fermento e do Bo Samaritano, pois fermentar e samaritanizar é hoxe boa consigna para calquera ser humano.
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES