Ceibe anduriña
Cabada Castro, Manuel - martes, 06 de septiembre de 2022
Anduriña, ¿que te leva
-ás de prata-
a danzar nas corredoiras
ou por riba dos cumios
dos casais?
Voas, ceibe, en aires limpos,
pra buscar máis libre ser.
E así levas o cigallo
ós teus fillos ben avidos,
debruzados para foto familiar
nese niño -lama e pluma de galiña-
que paciente construíches
adherido á vella trabe
do cuberto aldeán.
Mundo aberto é o teu,
sen ter termos nin confíns,
aire amigo,
agarimos de familia
e lembranzas de fogar.
Non che vai,
pra ti seres o que es,
na gaiola -esa cadea-
de áureas reixas ou de prata
o teu canto debullar.
Ós teus chirlos e ó teu voo
só o contento lle é afín
e tamén a liberdade!
Vaiche ben a primavera,
vaiche aquí
e onde a haxa.
Voa, voa, anduriña,
-no sorrir da primavera-
ó teu niño, rexio trono,
feito el de lama e pluma
co teu bico agarimante
e albanel.
Dinos logo dende alí
nos teus cantos amorosos
o que ben sabes dicir:
Vive libre e mais contento,
vive en paz, humano ser,
voa firme e mais lixeiro
sen ter nada que temer.
Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora