A Artesanía
Blanco Torrado, Alfonso - viernes, 31 de octubre de 2008
Cando hai 30 anos, Xermolos decidiu crear o Festival de Pardiñas, mentaba que a artesanía tiña que ocupar un espazo senlleiro como calquera das artes. Foi das primeiras incursións nesta cultura secular, por estes lares. Xa na primeira edición, estaban alí, tecelás, canteiros, cesteiros... Advertiron naquel momento, coma algunhas e algúns, que se consideraban eruditos, minusvaloraban esta estética. Coma si fosen productos de segunda división. Aquela Feira e Festa da Música e da Arte foi creando unha harmonía requintada, entre a literatura de Manuel María e a olería de Bonxe, entre a música de Fía na Roca e os zoqueiros da Terra Chá... Viñeron despois os Cadernos, dedicados a estudar a obra de varias e varios deles, desta comarca, ao mesmo nivel cos Guieiros, centrados na literatura. Ata este momento álxido, na estación da nostalxia e das froitas secas, a castañada e a vendima, no que celebramos os cen anos, da matriarca da Mostra de Artesanía de Pardiñas, este domingo, en Guitiriz. Unha homenaxe a Pilar Losada Díaz, fiadora, por necesidade, na intimidade do seu obradoiro, cando criou 13 fillos, e había que vestilos, agora por arte, que gusta de compartir en certames e festivais. Acerta esta muller inxeniosa, porque os segredos da beleza son para celebralos na sociedade, non para agochalos na alcoba. Entende que as cualidades, son patrimonio público, para disfrutar todas e todos. Os seus veciños corresponderon antonte a esta xenerosidade, e arrodeárona co mellor que sabían, e coma un Pardiñas, no outono, fructificaron nun manancial das sensibilidades máis vivas. O Campo da Feira foi a demostración da cualidade máis refinada, á que chegaron as tecnoloxías dos distintos oficios, descubrimos os teares, a ferramenta dos canteiros, o fuso e a roca.... Uns artiluxios que falan da imaxinación creativa do noso pobo, que non teñen nada que envexar a outras técnicas. Coma a literatura oral que conservaron os labregos e mariñeiros, coa mesma fidelidade e mestría que as construccións da escrita das e dos nosos autores. E medrando coa dinámica que acae a cultura popular, a creadora sentiu novos folgos, vibrando coa musica de Euskadi, a súa segunda patria, a dos seus anos de emigrante... O Orfeón e o Coro Saudade de Sestao interpretaron unha música tan doce, que todo rebordaba emoción e agarimo, así, nos brindes do banquete e no ceo aberto dunha Chaira vestida das cores ocres e vermellas da outonía.

Blanco Torrado, Alfonso