As cidades valuras
A través das lendas temos coñecemento da existencia de, polo menos, dúas cidades Valuras, unha en Cospeito chamada Veria e outra en Guitiriz nomeada Boedo; as dúas, cidades malditas e as dúas asolagadas, mais se facemos caso a Manuel María serían tres, e corresponderían a Lucerna, Valverde e Boedo segundo nos poetiza no seu libro "Terra Chá" e no poema "Canto a Terra Chá" atopamos os versos seguintes:
"Nesta terra só os carros do país
lle dan a paisaxe a súa voz agria
para que cante sagredo, quedamente,
a historia de Lucerna e de Valverde,
as dúas cidades malditas, sulagadas
no fondo da lágoa de Cospeito
e tamén as campás, co seu acento,
que se alonga soedoso polas gándaras,
enchen de vaga soidá a nosa alma."
A cidade de Veria é nomeada de formas moi distintas, o que nos levaría a pensar na existencia de varias cidades, mais nós cremos que a cidade é unha con diversas denominacións como son as de: Verial, Valverde, Malverde, Vilaverde, Navalverde, Lamas de Goá, Santa Cristina ou Santa Cristina de Veria, entre outras.
Os habitantes de Veria, nin que dicir ten, que son os Valuros, que son persoas xentís; é dicir, de boa presenza, tanto polo aspecto como na maneira de comportarse, pois os xentís mostran interese ou afecto no trato social, tal e como nos pon de manifesto Vicente Risco, o mesmo Risco, na seguinte pasaxe fala tamén da presenza de xudeos nesta cidade de Veria cando nos comenta a liñaxe dos Saavedra:
"Un cabaleiro chamado Alceo que se di descende da estirpe de Calígula mata unha grande serpe que era a forma coa que se representaba ao demo de nome Baal, ao que daban culto os xentís e os xudeos da cidade de Veria. A cidade afundiu cos seus moradores e aquela terra pasou a chamarse das Baluras, debaixo das augas. O cabaleiro tomou o nome de Saavedra por ser o da serpe na lingua primitiva dos galegos." (Recollido de Dorrego Martínez).

Nesta cidade, parece ser que moi rica, os habitantes celebraban grandes festas (Cuba/Reigosa/Miranda) e segundo Carré Alvarellos eran comerciantes de ricas teas e bonitas alfaias. Facían grandes festas con bailes e bacanais que pouco a pouco foron pervertendo aos Valuros, xente libertina, moi rica e acostumada a este estilo de vida.
A cidade de Boedo tamén cidade Valura da que sabemos ben pouco, a non ser a existencia dun zapateiro aínda que se deixa ver a presenza xa das tortas tan afamadas de Guitiriz, que hoxe son de millo e daquela, sempre segundo a lenda, eran de trigo, isto fainos sospeitar que a lenda é anterior ao descubrimento de América.
Salve Valuria!
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
NOTAS:
DORREGO MARTÍNEZ, Filomena.- Sobre os Baluros: mito e realidade. Croa 2005.
MANUEL MARÍA.- Terra Chá. Celta, 4ª ed. Lugo. 1980.
REIGOSA, Antonio.- Guía Ilustrada da Galicia Invisible. Xerais. Vigo, 2010.