Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (23)

viernes, 02 de septiembre de 2022
Lenda do Boedo (Guitiriz)

Esta é a historia da cidade do Boedo na que se volve repetir a maldición Valura da falta de caridade dos seus habitantes e tratando o pobo Valuro como un pobo maldito por ser a Sagrada Familia a que asolaga a cidade. A lenda garda certa relación cunha figura presente nas lendas sobre lagoas e cidades asolagadas como é a do zapateiro, figura A misteriosa e incógnita Valura (23)sobre a que Cuba, Reigosa e Miranda se preguntan se este personaxe non tería que ver coa figura do xudeu errante, o mesmo que a lenda da lagoa de Cospeito na que tamén hai variantes que tratan a figura do zapateiro.

Seguindo a González Reboredo descubrimos como no Boedo (Guitiriz) había unha cidade pola que un certo día pasou a Sagrada Familia pedindo comida e ninguén lle quixo dar nin un anaquiño e ata un zapateiro lle arrebolou a forma, -era unha peza de madeira que imitaba a forma do pé e que servía para fabricar o calzado ou para estiralo-, diciamos que un zapateiro lle guindou a foma ao mesmo Xesús Cristo cando ían pedir algo que comer.

Nestas, a Sagrada Familia chega a unha casa pobre, moi pobre, na que os nenos están chorando de fame tras da lareira. A muller da casa quixo atender a Xesús Cristo e á Virxe dándolles pousada pero nada tiñan para levar á boca. Véndoos nesta situación, a Virxe díxolle á muller:
"Faga unha torta con cinza" da lareira.

A muller resistiuse, ao principio, pensando que non podía ser, e que a cinza non ligaba nin facía masa, pero á fin, fíxoo.

A Virxe entón dixo:
"Próbeo, Señora; é tan certo que é torta cocida e de trigo, como que a cidade do Boedo está asolagada; por culpa dun malo, Deus destrúe unha cidade". Desde daquela dise que escoitaban as campás do pobo do Boedo e un ruído que foi esconxurado por un cura; pero aínda queda como recordo un sitio ao que lle chaman "O pozo da Campá".

Xosé Otero Canto poetiza esta lenda no libro inédito "Crónica da Valuria" e que trasladamos a continuación:

O BOEDO (2)
I
No San Xoán de Lagostelle
fica un pobo asolagado,
todos lle chaman Boedo,
deseña un extenso prado
que o río Dá vivifica
e lle presta o seu fado.
Terreo baixo e lamento
sacia auga todo o ano
onde se xuntan veciños
e as vacas pastan de grado.

Neste lugar do Boedo,
neste lugar enmeigado
vouvos contar unha lenda
que aquí ten o seu engado,
de cando a Sagrada Familia,
disto hai uns dous mil anos.

II
Que era un poboado descrido
tiña o seu creto sonado
habida conta da lenda
que dorme no seu achado,
pois cando a Virxe María
e Xesús ao seu lado
veñen pedindo esmola
achándose en desamparo,
chovendo auga acotío
co frío máis despiadado
ninguén lles dá acubillo
no pobo tan desalmado
que ata un zapateiro
lles chimpa a forma irado,
negándose os veciños
a acoller aos arribados
a non ser no Barreiro
nunha casoupa do lado;
de Xosé, abeiradoiro,
de María e máis do nado,
mais non teñen alimento
que lles sirva de galano.
A casa ten nenos pobres,
todos sentados nos tallos
arrodeando á lareira
de miseria ben honrados
de fame e de pobreza
sen poder comer bocado.
A misteriosa e incógnita Valura (23)

III
A muller que os acolleu
así lles dixo aos chegados:
"Nós podemos abeirarvos
neste caseto tapado,
polo menos nel non chove
inda que haxa frío a esgallo,
mais non temos alimento
e aínda menos compango,
meus fillos choran de fame
e non podo sustentalos,
róeme a pena a alma
neste mundo malpocado
por non ter nin faragullas
con que poder aledalos".

Estando nestas, a Virxe,
e vendo este desamparo,
convenceu á muller pobre
que sería axeitado,
das cinzas da lareira
facer torta, de contado,
e con ela comer todos
rico prato cociñado
que chegou ata nosoutros
de maínzo ben forneado,
sendo fama e estandarte
de Guitiriz, seu legado.

IV
Como castigo divino
á maldade desta xente,
asolágase a vila
producindo grande enchente.
Mergullouse O Boedo
e afogou toda a xente
menos a dona e os fillos
que acollen aos doentes,
coitados e mendicantes,
desgraciados e indixentes.(2)

Desde tempos moi remotos
ao empardecer o día
nótase a presenza extraña
de seres en agonía
e murmurios do trasmundo
e do alén da eufonía
soan campás a defunto
que chaman por analoxía
Pozo da Campá transunto
por oírse na campía
un repenique profundo.
----------------------------

(2) Esta parte da lenda foi Premio Nacional de Poesía (Begonte 2018), á que se lle engadiu máis texto e se adaptou para tal fin.

Coda
Mais como as cousas das lendas
teñen un berce incerto,
hai quen di non ser castigo
o asolago do Boedo
e si choiva de estrelas
que xurdiu do firmamento
dando nome á parroquia
de Lagostelle chairego
que significa en latín
"lago de estrelas" ben cheo
a xulgar polo festín
da terra no seu socheo.


Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela


NOTA:
GONZÁLEZ REBOREDO.- Lendas galegas de tradición oral. Editorial Galaxia, 2ª ed. Vigo. 1995
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES