Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As migallas da fame

lunes, 22 de agosto de 2022
Levamos marcha de volver ós tempos de comer tan só pan e touciño, pan e touciño. A xente empeza a ter fame. E aquela que non a ten empeza a mirar doutra maneira "a compra". Antigamente, tan só se comía pan e touciño porque todos os demais produtos vendíanse, desde os ovos ata o leite e desde os xamóns ata os lacóns. As migallas da fameAgora, tan só se vai comer pan e touciño porque, aínda que haxa outros produtos, e hainos a moreas, están inalcanzables. Acabo de ler que hai xente que deixa de mercar os plátanos polo seu prezo e que na peixaría opta, por suposto, polos peixes máis baratos. A verdade é que as cestas da compra están a converterse nas migallas da fame. Cada vez é menos cesta. Cada vez é máis grande o desamparo.

Din que o prezo da comida subiu máis dun 10% en Galicia. Ata eu, que non son moito deses de fixarse no que collen e no que custan, sei de tal subida. Porque, antes, "a compra grande" saía por tantos cartos e, agora, sae por un ollo da cara e polo outro... e polo outro. Así é que moito coidadiño co pan e touciño, que pode estar aí, á carreiriña dun can. As migallas da fame empezan a campar por este país no que a economía está e vai de capa caída, de canga baixa. Para moitos. Pero sempre hai algúns que viven coma Deus a conta dos pombos. Sempre.

Uns pasan fame e a outros sóbralles a bebida. Resulta que en Lugo multaron a un que andaba así coma borrachiño sobre un patinete eléctrico. A ver, ho; máis ben case lle habería que dar unha medalla, pois ten o seu mérito aguantar a verticalidade nese aparato e en tal situación. Como anécdota direi que coñecín a un que sentaba nun tallo, nunha banqueta (non nunha cadeira), que ladeaba para os lados como unha vara de vimbio, pero nunca caía. Hai ebriedades que son dignas dun sorriso.

Como hai xente que merece un aplauso por repoñerse contra a imbecilidade e contra a idiotez dalgúns. Como é o caso do que rexe o restaurante do Club Náutico de Castrelo de Miño, que expulsou a unha familia por insultos xenófobos. Tamén digo que como moitos sigan o exemplo dese heroe, os bares, tabernas, cafetarías e cafés quedaranse sen clientes, xa que a xenofobia e o racismo están á orde do día. Só hai que prestar oído durante cinco minutos para decatarse un de todo o que se cuspe por certas bocas. Despois, iso si, nas conversas serias, ninguén é racista. Ou xenófobo. Ninguén.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES