Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A entrega do caxato de Avelino

jueves, 25 de agosto de 2022
Este sábado 20 de agosto tivo lugar no concello de Teo e na urbanización Os Verxeis a entrega do Caxato de Avelino e a conmemoración do décimo aniversario do pasamento de Pousa Antelo.

Un acto organizado pola Irmandade Avelino Pousa, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos que se realiza co apoio do concello onde viviu os derradeiros anos da súa vida e que do que foi nomeado Fillo Predilecto.

Neste ano, recoñeceuse o labor de Xaime Félix Arlindo López Arias, persoa moi vinculada ao que foi presidente da Fundación Castelao e ao seu alumno, o mestre e tradutor, Valentín Arias, tamén de Sarria.

Levou a coordinación do acto David Otero, actuaou como mantedor Mero, contouse coa participación da familia Pousa e, neste caso, dos irmáns Picallo da Vila do Baño (Heitor autor da caricatura de Avelino e Martiño do diploma que, neste ano, se entregou a todos os recoñecidos anteriormente co caxato).

Arlindo é mestre, graduado social e licenciado en dereito, ademais de cronista oficial de Sarria. Na súa intervención lembrou o traballo de Pousa Antelo nos arredores desta vila e a memoria que se mantén de mestre e activista cultural, falou do Tamborileiro municipal que ademais de publicación corría co pregón versificado das festas de cada ano, toda unha iconografía folclórico - sanxoaneira.

Non podemos esquecer que cada ano se entrega o caxato (elaborado por Valdi) co retrato de Avelino (de Heitor Picallo) e se recolle coa pucha de Avelino cubrindo a cabeza. Nesta ocasión, ao facer entrega do diploma (da autoría de Martiño Picallo) asistiron todos os anteriormente recoñecidos que realizaron unha pequena intervención. O primeiro fora entregado a Alfonso Blanco Torrado (a cura de Guitiriz que mantén viva a memoria histórica e creou dende a A.C. Xermolos, o festival de Pardiñas e tantas outras iniciativas); no seu nome recolleu a distinción seu irmán por atoparse el son problemas de saúde. O segundo caxato fora entregado ao propio concello de Teo e, neste caso, recollido polo seu alcalde Rafa Sito. O terceiro correspondeulle á parroquia de Santa María de Arzúa tamén moi vinculada a Pousa Antelo e a súa memoria. O terceiro á familia de Valentín Arias, recollido pola súa viúva (e nai da homenaxeada nas Letras Galegas, Xela Arias), vinculada coa de Avelino dende o ano 1942 na Escola de Barreiros. Antón Costa, o pedagogo, historiador da educación galega e creador de tantas iniciativas foi o cuarto caxato que lembrou como coñeceu a Pousa nos anos setenta en Salamanca nun camiño pola construción dunha nova escola no que continúa. O número sexto correspondeu á Fundación Penzol; no seu nome interveu Silvestre Gómez Xurxo que informou de como se atopaba o legado (biblioteca e arquivo) de Avelino dentro dese contedor de memoria do país. O sétimo correspondera ás irmás Campo (Marica e Tareixa, literatura e teatro en escena) que lembraron como seu pai coñecera a Avelino e este achegara varios relatos aos Contos populares da provincia de Lugo. Lembrouse como o oitavo caxato correspondeu a Fina Casalderrey (a mestra, escritora e académica que compartiu con Avelino a súa primeira escola) e que, nesta ocasión, non puido asistir por problemas familiares. E, o noveno, a Armindo.

Unha galaxia de entidades e personalidades que enriquecen a estrela de Avelino Pousa Antelo que brilla no ceo dunha Galicia que mantén vivos os degoiros galeguistas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES