Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 19 de agosto de 2022
O que se poña por diante

Pingas de Orballo Hai que ter perendengues. Pola mañá arrincando nas patacas e pola tarde realizando unha andaina de 10 quilómetros. E non unha desas andainas por chan, senón subindo e baixando, subindo e baixando. Tamén é verdade que a rematei simulando o Rambo de cando non sente as pernas. E mesmo os xeonllos tamén me doían. E non digo xa nada das costas. Aínda que estas, claro está, era polo esforzo da mañá.

Non obstante, aquí sigo e preparado xa para outra. Para outra andaina e... como xa non teño patacas, pois para unha xornada de cortar na leña coa machada do tractor. Si, quen traballa é o tractor, pero os cepos hai que poñerllos alí. E hai que facelo agachados. E con présa. Porque eu non sirvo para descansar e ver que o tractor segue funcionando, ou sexa, segue gastando gasóleo. Así é que poño e coloco cepos para que a machada os abra, os rebente. As costas axiña se resenten. Pero eu, como heroe que son, sigo dálle que dálle á leña, ás andainas e a todo o que se me poña por diante.

A min non me detén calquera mexericada. Mesmo son capaz de romper de novo o monte Medo ó sacho. E se o fixera seguro que non ardía. A min non me mete medo ningún traballo. Ningún. Por iso só intento facelo ós sábados ou moi de figos a béveras; durante dúas horas ou, como moito, tres. Ás veces é bo esaxerar un pouco o asunto, dicir que rebento, que me canso, que súo, que xemo. Non me gusta perder a sona, a auréola de heroe.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES