Cirrios imposíbeis
Cabada Castro, Manuel - jueves, 18 de agosto de 2022
Que maxia imposíbel te ideou,
cirrio imposíbel?
Arco e frechazo a un tempo,
que audaz afondas,
riscando o firmamento,
cara ó máis alto
e o máis baixo
do meu abraiado ollar...
Atleta sabido e subido,
que ó ar o teu voar despregas,
o fervente bulir das túas ás
e do teu ser enteiro
a mercé dun teu seguro
e inapelábel pulo.
Puntual en extremo,
mediado maio,
ano tras ano,
dende distantes ceos
-ese teu ceibe e azul mundo
sen terra, sen auga e sen flores-
á cita comigo chegas,
neste recuncho belo
-mar e terra-
da Galiza eterna.
Co desfrute de te eu ver,
burbulla de novo
en min a vida,
pracer que endexamais
che poderei agradecer
tal e como debería.
Vexo porén, cirrio amigo,
que dos nosos encontros
doutros anos ben te lembras
no teu acendido, agarimante
e cortés voares á miña beira,
pra logo e sen pausa
veloz tornares a ese teu mundo,
que eu ben quixera
fose o meu tamén...
Si, ben che sei que
detéreste non podes
nesta terra, codia nosa.
Que se, intrépido no voar,
no soñar e máis soñar,
por desgraza en terra dás,
imposíbel che será
aínda logo revoar!
Ben te vin hai moitos anos,
lémbroo ben, sendo un rapaz:
velaí estabas, cirrio tenro,
mudo e preso ó noso chan.
De ceos altos caído,
tívente nas miñas mans:
miúdas patiñas de infante,
non che valían pra andar.
Tras te eu guindar ben ó alto
puideches por fin voar...
En ceos libres durmindo,
é o teu leito o dos luceiros,
en sempre abertos espazos,
sobre nubes e nubeiros.
Tan só onda nós estarás
pra aquí proxenie criar:
baixo das tellas da igrexa
ou nunha greta casual.
Cirrio que naces na terra
achegado ó noso andar,
nos ceos lévame á beira
pra me aprenderes voar.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora