Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xente pequena, en pequenos lugares...

jueves, 11 de agosto de 2022
Xente pequena, en pequenos lugares... O país vai dando pasos, lentamente. É bo ir presentando os logros, aínda que sexan poucos, aínda que sexan ben pequenos.

Algunhas vez temos falado de como hai que traballar para conseguir que o sistema literario dirixido á infancia se vaia compensando e adquirindo un certo equilibrio. Para iso deben introducirse accións que "redirixan" os camiños. Se deixamos só o comercio as desigualdades cada vez son máis evidentes, cada vez se marca máis a distancia entre uns e outros. Por iso, cando alguén defende o mercado libre sabemos ao que se refire, a que os grandes o sexan cada vez máis e os pequenos diminúan, orfos de toda axuda. Esta é a razón pola que dende as instancias culturais debemos facer o posible para apoiar a aqueles xéneros que son minoritarios, como a poesía e o teatro para a infancia.

A narrativa vai soa, gústanos que nos conten, gústanos seguir a historia... Ademais, posiblemente, a nivel avaliativo, resulta moito máis doado preguntar polo argumento dunha obra que inquirir sobre un poemario, ou pedir a demostración de que este foi lido con atención. Algo semellante sucede co teatro, non se escribe porque non se publica e non se publica porque non se merca. A serpe que se come a cola. A pesar de que a poesía ten moito de música, de cantar, de sintetizar, de linguaxe connotativo (no que as interpretacións están asumidas), de enredar coas palabras, de xogar coas verbas e as ideas, cos símbolos e as imaxes... Pese a que o teatro nos permite divertirnos volvendo a vista aos xogos infantís, aos entroidos e disfraces, ás máscaras, a representar o que non somos ou darlle voz a cada personaxe. Por iso, cando descubrimos estas desigualdades (entre a narrativa, a poesía e o teatro) o que facemos é buscar a maneira de apoiar a quen máis axuda precisa. Unha das maneiras é a convocatoria de premios que ao tempo que lle dá presenza ao xénero saca á luz unha serie de obras que buscarán a forma de ser publicadas, porque xa están escritas. Nestes últimos tempos, apareceron os premios Arume de poesía para a infancia convocado pola Fundación Neira Vilas (como se fixera noutros tempos) e este ano o premio Anisia Miranda de teatro para a infancia que vén ocupando o sitio que tivera o Estornela pero que agora, despois do seu pasamento da autora, recibe o seu nome, porque ela foi, sobre todo, unha autora de teatro.

Van vindo as cousas ao seu, retómanse un par de premios que eran imprescindibles. Volve facelo unha fundación, pobre, do rural, para dar exemplo de como non fan falla máis que ganas e interese por facer as cousas ben. No caso do Arume, faino da man de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e co patrocinio de Deleite. Tres vontades dándose a man para entregar libros de poesía á infancia. Xa o dicía Galeano: "Xente pequena, en pequenos lugares, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo". Só hai que crelo e botar a andar as ideas.

O certame Arume premiou dúas obras inesperadas, que proviñan dun autor que nunca escribira poesía e doutro que sempre a escribira pero nunca para a infancia. Un fito!

Agora, o premio Anisia Miranda premia a María Canosa, na súa primeira obra teatral; a autora que leva publicados múltiples textos de narrativa, algo de poesía e álbum ilustrado, dá na diana coa súa primeira obra dramática. María Canosa, que xa obtivera unha mención especial no premio Arume, agora entra na casa do neno labrego para recoller este premio de teatro con Tránsito unicornio.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES