Onde fostes, verderolos?
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 10 de agosto de 2022
Ollo a saudade da casa baldeira,
hedra, raíces e plumas de amor,
oco de vida, un só corazón.
Eran catro as vidiñas
abertas ó mundo
e a ignotos azares.
Vinos medrar:
os catro a porfía
e un mesmo afán.
Bicos abertos ó ceo
e, á beira de min,
sempre a esperar
pais coidadosos
portando o cigallo,
agarimos sen par.
Nunha asollada mañá
dos catro un deles
audaz moveu as ás
e veu que valían
pra lindo voar...
Contóullelo ós irmáns
e apertas se deron
con quentes afáns.
Bágoas esvararon
nas miñas meixelas.
Claro sinal era:
íanme deixar...
Leonciños medrados
os catro,
non podían eles
no niño máis ficar...
Bulían, rebulían
ollando o meu ollar.
Do seu mundo non era,
mais ben que os quería...
Nun doente amencer
comezaron de seu a vivir.
Non os volvín ver...
Anxos pequechos,
sede moi libres!
Do voso e meu niño
porén coidarei
por se nun día
quixerdes volver!
Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora